José Luis Baltar mete a Poly na foto

OURENSE

05 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Deputación de Ourense iniciaba onte a súa andaina máis singular e problemática coa vista posta nas instancias xudiciais ó estar pendentes de resolución algunhas das iniciativas do PP en relación á elección de deputados pola demarcación do Ribeiro. Ou para ser máis concretos: matinando en se hai posibilidade legal de recuperar a Rogelio Martínez -a da dimisión en cadea para forzar unha nova elección dase por descontado-.

O ex vicepresidente foi espectador de excepción na sesión plenaria de onte. Rogelio Martínez, relaxado e cavilando na repetición das eleccións municipais na Arnoia, departiu cos seus ex compañeiros de corporación e asistiu ó escaso debate na última fila do espazo destinado ó público.

Aínda que a sesión plenaria non pasará á historia polos asuntos tratados, si que foi bastante clarificadora a nova posta en escea deseñada polo presidente da Deputación de Ourense. José Luis Baltar fixo patente a súa aposta persoal polo ex alcalde da cidade e a confianza depositada en Enrique Nóvoa, Poly, sentandoo ó seu carón na mesa da Presidencia. Un lugar reservado ata o de agora a Baltar en exclusiva, co secretario e o interventor a cada lado para asesoralo, e que o presidente do organismo provincial compartirá durante os vindeiros catro anos co seu novo e flamante vicepresidente -o sen antecesor, Rogelio Martínez, ocupaba un escano xunto ó resto dos seus compañeiros no luugar reservado ós deputados do PP-. O que quedou claro é que, desta volta, a Poly ninguén lle vai roubar o seu espazo mediático.