O Couto Mixto celebra o apoio que lle dan os Parlamentos galego e español

Laura Seara, Alberto Fidalgo, Máximo Salinas e Miguel Blanco xa son novos xuíces de honra A medida permitirá sair do esquecemento e recuperar un territorio único


ourense

No territorio das tres chaves, as que abren o arcón do Couto Mixto, foron recibidos onte catro novos xuíces de honra. Os deputados socialistas Laura Seara e Alberto Fidalgo, nos Parlamentos de Galicia e España respectivamente; o catedrático da Universidade de Santiago, Máximo Salinas, e o párroco do Couto Mixto, Miguel Blanco. Todos eles recibiron un bastón de mando, un diploma e a medalla, atributos desta distinción tan singular.Entre as pedras da igrexa de Santiago, quizás o edificio máis antigo do Couto Mixto, envoltos na atmosfera dun territorio único en Galicia, podíase sentir ese fluír persoal do que fala o psicólogo M. Csikszentmihalyi pola ledicia que representa atoparse sempre no Couto Mixto. Os homes de acordo foron buscar o arcón á sancristía, mentres soaba o grupo de arpas Areoula, de Soutomaior. Foi coma sempre, un momento emocionante. O arcón asomou por detrás do retablo barroco e, unha vez posto sobre a súa mesiña, foise chamando ós tres homes de acordo de Meaus, Santiago e Rubiás, que teñen cada un a súa chave. Antes de amosar o arcón, entraban na igrexa, ateigada de xente, os novos xuíces de honra, coa música de Areoula.AutoestimaO presidente dos Amigos do Couto Mixto, Luis García Mañá, lembrou como en tantos anos de esquecemento, desde aquel Tratado de Lisboa do 1864 polo que morreu o Couto Mixto como territorio libre dos gobernos de España e de Portugal, os Amigos levan xa unha década rescatando esta fermosa república dos soños «perseguindo a autoestima dun pobo vencido mais non derrotado». E subliñou o feito tan especial de que este ano se poda celebrar que tanto o Parlamento do Estado como o Parlamento de Galicia recoñeceran a realidade histórica e cultural do Couto Mixto grazas a unha iniciativa socialista. É outro paso para ir sacando do esquecemento este pequeno territorio agora ourensán.García Mañá pediu ós alcaldes dos concellos da Raia, entre eles os de Baltar e Calvos de Randín, que traballen arreo para afrontar o futuro xuntos, e facer incluso un foro de debate en favor do desenvolvemento desta terra. «Os actuais veciños non están esquecidos», deixou ben claro o presidente dos Amigos. Laura Seara foi a primeira en intervir. «Estou emocionada. Este é un recoñecemento a un traballo parlamentario motivo de satisfacción de facer política», referíndose a que na cámara galega prosperara a proposición non de lei que, como dixo Seara, tivo o respaldo, agradecido, dos deputados do PP e do BNG. A nova xuíza dixo que o Couto Mixto «é un icono, un símbolo polos valores da súa historia» e dedicou o nomeamento ás mulleres deste territorio. Máximo Salinas sinalou ter «un sentimento tan forte que chega ata o fondo do meu ser, do meu corazón» e recordou a todas as xeracións de homes e mulleres que traballaron neste territorio e engadiu que aquí, cada pedra, cada verba ou cada cousa é historia. Alberto Fidalgo lembrou detalles da Raia, a carón da cal naceu e explicou como os ministerios de Sanidad, Agricultura, Cultura, Administraciones Públicas e Exteriores así como o Parlamento Europeo, o Parlamento Portugués e o Consulado de Portugal «teñen xa coñecemento e interese por este asunto do Couto Mixto». Miguel Blanco dixo que aquí atopou xentes que cren nos soños e referiuse ó Couto Mixto como «terra preñada de recursos e posibilidades».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O Couto Mixto celebra o apoio que lle dan os Parlamentos galego e español