Touriño convértese en arraiano

OURENSE

SANTI M. AMIL

Crónica | Visita do presidente da Xunta ó parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés O político galego tivo a oportunidade de coñecer algúns dos espazos naturais máis salientables dos municipios de Muíños, Entrimo e Lobios e da raia galega

04 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? raia é un sentimento. Unha forma de ser e unha manifestación vital que marca a vida e a historia dos que a coñecen a e viven. Polo Couto Mixto, pola Baixa Limia, polo Xurés, por Ponte Barxas e por tódolos pobos galegos e portugueses dunha e outra banda do que en tempos foi esa liña imaxinaria da fronteira están mesturados os sentimentos e as lendas, o contrabando e os amores, os fuxidos e o ouvear dos lobos, que non enteden se en Pitoes ou en Montealegre hai que ouvear nun idioma diferente que alá por Maus de Salas ou por Calvos de Randín, por poñer un caso. Ese clan dos arraianos é un movemento universal, que non entende de patria nin de fronteiras e no que conviven os carboeiros, contrabandistas, cesteiros e telleiros de aquí e de alá xunto a respectados homes da república das letras como Méndez Ferrín ou Vento da Cruz, como García Mañá, como Áser Álvarez -responsable da asociación Arraianos-, como Elixio Rodríguez ou como os veciños de Muíños, de Lobios, de Calvos de Randín e de tantos e tantos pobos e lugares de Galicia e Portugal. O presidente da Xunta de Galicia converteuse onte nun arraiano máis, un novo membro do clan da raia que xa non poderá esquecer o que é unha corga ou donde se pode beber das fontes do pasado lendo nas liñas duras dos miliarios de Lobios, camiño de Portela d' Home. Emilio Pérez Touriño tivo a oportunidade de coñecer ese espazo máxico do poboado de O Salgueiro, terras duras e rexas, coa neve e o frío na porta durante boa parte do ano, sen luz, traballando no ferro e no carbón, no contrabando, coas grandes agullas de pedra no outeiro marcando o territorio veciño máis inimigo. Turismo e miliarios E tamén foi quen de achegarse a ese centro de turismo privilexiado, cos clientes portugueses por bandeira, que é Entrimo para visitar as obras que se están a desenvolver para crear o futuro centro de interpretación da natureza e mesmo para gozar desa xoia patrimonial que é a súa igrexa. Como todo arraiano que se gabe de selo, e a primeira autoridade de Galicia non deixou onte de recoñecer por activa e por pasiva a súa reiterada sorpresa por coñecer «estas marabillas» que descubría da man dos responsables da Consellería de Medio Ambiente, Touriño deixouse levar polo legado histórico da zona para ver e tocar os miliarios de Lobios ubicados na Ruta da Corga da Frecha -ó tempo que buscaba a complicidade da súa sorpresa ante os bloques de pedra no parecer dos fotógrafos: «¿que? ¿que vos parece?»- e o recuperado trazado da antiga vía de comunicación entre Astorga e Braga -esa Vía Nova que tan denostada foi cando o Inorde a propuxo como un producto turístico e que agora a propia Xunta, por boca de Touriño, vende coma un investimento fundamental para o futuro-. Bilingüismo oficial Iso si, os dirixentes galegos puxeron onte de manifesto que unha cousa son os compromisos políticos para chegar a acordos cos seus socios de goberno para acadar as alcaldías nas cidades galegas -coa defensa do idioma como un dos alicerces dos pactos- e outra moi diferente a «realidade real». Touriño facía a súa intervención institucional na carpa montada no poboado de O Salgueiro nun correcto e oficial galego que desbotada nada máis baixarse do esceario para responderlle aos seus interlocutores e manter a conversa con eles e co resto dos membros da consellería en castelán no resto da visita por O Salgueiro, Entrimo e Lobios. Do Lusitano a Bande A presenza do presidente da Xunta de Galicia na Baixa Limia tivo o seu mellor colofón co xantar celebrado no restaurante Lusitano, de Lobios. Como acontece nestas ocasións, a casa quixo que os comensais levasen na súa lembranza e no seu maxín o inesquecible sinal do mellor da gastronomía da Baixa Limia-Xurés e no restaurante Lusitano serviron un menú degustación a base de callos limiaos, a mítica empanada de forquellas de Entrimo, corzo, cachena e outros manxares. A ocasión tamén serviu para que algún recén chegado á vida política institucional aproveitase para facer efectivas as súas reivindicacións. José Antonio Armada, alcalde de Bande desde o pasado día 6 de xuño, amosou neste encontro o seu desexo de incorporar o municipio de Bande ó parque natural e trasladou ó conselleiro de Medio Ambiente, Pachi Vázquez, varios proxectos e inquedanzas para aproveitar os recursos naturais do municipio. Rutas de sendeirismo, novas actuacións e divulgación do centro de interpretación de Aquis Querquennis ou una escola obradoiro foron as demandas do alcalde.