Políticos na república das letras

OURENSE

SANTI M. AMIL

Crónica | Celebración do 17 de Maio na campaña Quintana fixo unha declaración do compromiso do BNG coa lingua e con Ourense como cidade da cultura, o PP leu poemas e o PSOE regalou textos de María Mariño

17 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? debate sobre o 17 de Maio está máis vivo que nunca. Mais, fóra as discusións sobre se debe ser festivo ou non ou sobre a repercusión no idioma e na cultura do país, o que quedou perfectamente comprobado é que o Día das Letras Galegas fixo de armisticio para a campaña electoral e identificou a tódolos grandes partidos cunha premisa: a da defensa do idioma e a celebración da festa do galego. Se hai unha formación que se ten distinguido a prol do idioma e diso que Nélida Piñon chama a república dos soños, a das letras, esa é o BNG, e Anxo Quintana non desaproveitou a ocasión de facer de Ourense e da súa rúa do Paseo o alicerce da reivindicación da lingua e da cultura galega. O portavoz nacional, acompañado de Alexandre Sánchez Vidal, Alfredo Suárez Canal e os membros da candidatura de Ourense, percorreron o Paseo agasallando ós cidadáns coa obra María Mariño. Unha serea en terra, de Carme Hermida (Edicións Sotelo Blanco) e o primeiro número da revista BD Banda. Entre os beneficiarios da campaña a prol da lingua do BNG estiveron destacados dirixentes do PSOE e, como non, o candidato á alcaldía, Francisco Rodríguez. Socialistas e nacionalistas intercambiaron publicacións, poemas, cedés e outros materiais para deixar patente que, no Día das Letras, o xogo limpo foi a nota dominante. Logo do percorrido polo Paseo, Quintana aproveitou para facer o seu pronunciamento do Día das Letras como portavoz do BNG. Anxo Quintana fixo un chamamento ós 3.835 concelleiros e concelleiras de Galicia para que empreguen «o galego nas súas relacións cos veciños e coas demais administracións», lembrou que o Día das Letras ten que ser os 365 días do ano e que o «amor pola lingua do BNG non é unha proclama electoral ou algo ocasional para unha celebración». Xa en clave electoral reclamou para Ourense un alcalde, obviamente ese sería Sánchez Vidal, capaz de devolverlle «á Atenas de Galiza a súa condición de vangarda e capitalidade cultural do país». Socialistas e nacionalistas non deixaron pasar a oportunidade de honrar o 17 de Maio e a obra de María Mariño. Os populares, con Enrique Nóvoa á fronte, fixeron unha lectura pública de textos da poeta noiesa á que se lle adican este ano as Letras e os socialistas agasallaron onte con tarxetóns coa imaxe da autora e dous dos seus poemas. Casa das Letras No seu plan de «medidas estrela» Francisco Rodríguez anunciou onte que convertirá o futuro Palacio de Congresos, a ubicar no Campus, «nunha Casa das Letras e as Ciencias» que será un centro de referencia galego e convertirá á cidade «na porta de entrada en Galicia da cultura e a investigación de ámbito nacional e internacional».