«Queremos un museo e un centro sobre o Couto Mixto»

OURENSE

Entrevista | Cesáreo González A Consellería de Medio Rural subvenciona un plan de dinamización turística e cultural para poñer en valor o patrimonio dos pobos que compoñen este territorio

15 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

?s veciños Santiago, Rubiás e Meaus levan anos tentando recuperar a historia colectiva e a memoria dese espazo máxico entre Ourense e Portugal que foi o Couto Mixto. Constituidos nun colectivo veciñal, a Asociación de Veciños de O Couto Mixto, agora están loitando por crear un plan de dinamización turístico cultural para poñer en valor a zona e para que sirva de revulsivo para a comarca. A Consellería de Medio Rural acordou incluir a proposta da asociación entre os proxectos subvencionados por Agader dentro dos plans dinamizadores. -¿Que proposta presentaron á convocatoria da Consellería de Medio Rural? -Solicitamos axuda para redactar un plan de dinamización turística e cultural para aproveitar os recursos que temos aquí en materia de patrimonio, natureza e outros aspectos para darlle un chisco de vida á zona. Á Consellería de Medio Rural parecelleu ben e concedéronnos unha axuda de 12.000 euros. -¿E que pretenden facer? -Xa estamos elaborando un estudio para ver que se pode facer e esta fin de semana imos ter unha xuntanza da asociación de veciños para informar deste asunto e ver que acordamos entre as tres aldeas. A nosa intención, o que queremos, é crear un museo e un centro de interpretación sobre o Couto Mixto; tamén pensamos crear rotas de sendeirismo en cada pobo para que se podan visitar os lugares de máis interés. -¿Cre que iso conseguirá dinamizar o Couto Mixto? -Algo temos que facer xa que na actualidade non temos nada que ofertarlle á xente que se achega ata aquí, pouco máis que a igrexa ou a arca, e a igrexa está pechada co cal só nos queda o museo aberto que é o propio pobo, e case todo está en ruinas. -¿E como van facer para divulgar estas accións? -Queremos crear un albergue ou novas casas de turismo rural para que a xente poda ter onde quedarse. Podería ser na rectoral, que a temos cedida desde hai algo máis de ano e medio e que funciona como sede da asociación, mais imos estudiar cal é a mellor ubicación. Tamén imos facer guías e outros materiais para campañas publicitarias que divulguen a riqueza da zona.