Castro Caldelas réndese ao poderío do lume máxico nas rúas

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Cando o sol agouche hoxe o seu esplendor, comezará a Festa dos Fachós Chourizos, bica, bo viño e queimada animarán o singular encontro na vila

18 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Deus tutelar e terrible, bondadoso e malvado, o lume vai ser un ano máis protagonista na esencia viva da vila de Castro Caldelas. A partires das sete e media do serán, cando o sol agouche o seu esplendor. Hora máxica acompañada pola sombra dos panos de pedra do castelo e das casas do casco vello que darán acougo nas rúas estreitas á procesión dos fachós, feixes de palla ardendo en medio dos devotos desta tradición pagana e senlleira na Galicia interior e rural. Haberá que xuntarse diante do santuario dos Remedios para esperar a chegada do fachón maior, que sempre é máis longo que o resto, pasando de trinta metros. El encabeza a comitiva de fachós. Con música de gaitas e bombas encétase o percorrido ata o casco histórico, con toda a iluminación eléctrica das rúas apagada. Só o lume basta para ese momento esperado por veciños e non poucos forasteiros. Fixéronse máis de catrocentos fachós e xa comenzaron a preparalos aproveitando que se recollía palla para facer o belén vivinte do Concello, o pasado Nadal. Todos arderán nas mans de cantos os queiran portar. Ao regreso ao santuario, no adro, cada fachón acabará por consumirse arredor da fogueira de madeiras que xa estará prendida. Coma unha serpe, o fachón maior daralle unha aperta a ese lume principalísimo da festa. O Concello de Castro Caldelas asará 5.000 chourizos artesanais con carne de porco alimentado de xeito tradicional e curado con fume de carballo durante un mes. Para mollar a gorxa poranse a disposición seiscentos litros de viño da Ribeira Sacra, Subzona de Castro Caldelas. Hai que lle engadir pan da vila, a bica que é sagrada e cen litros de queimada. Na procesión irá, coma sempre, a imaxe do San Sebastián, feita toda ela en palla fai 24 anos, encargada pola secretaria da Fundación Otero Pedrayo, María Tteresa Cortón, veciña da vila. Esa imaxe foi indultada do lume e é gardada na vivenda que alí mesmo posúe a filla de Teresa. Os fachós, especialmente o maior, van atados con vencellos de palla e só cunha corda de pita de mediano grosor cada cincuenta centímetros máis ou menos, din os responsables da festa. Quen nunca fora a esta celebración tan especial nunha tardiña como a de hoxe no Castro, non debería perder a oportunidade de vela e vivila. Quenes xa a coñecen, desexan atoparse de novo aló para cumprir co ritual popular e máis sendo venres, pois a festa avanza un día cada ano. Hoxe espérase unha boa noite nunha vila na que xa é difícil atopar habitación para pasar o que reste da troula. O lume irá anunciando dalgún xeito a proximidade do entroido, que xa peta na porta para, dentro dunhas semanas, rexurdir novamente como lume sagrado, mais xa non na palla senón na cera do cirio da pascua.