«O PSOE xa esgotou o seu ciclo no Concello do Carballiño»

OURENSE

Entrevista | Argimiro Marnotes Fernández O fillo do ex alcalde, e portavoz municipal do seu grupo, defende a necesidade de revitalizar a vila para recuperar o papel que tiña antigamente na provincia e en Galicia

01 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?s sagas políticas non son un acontecemento moi frecuente na escea galega, mais existen. Aínda que o prototipo provincial estea encarnado por Baltar, pai e fillo, hai varios concellos onde a sucesión de apelidos e sagas familiares deixa ben patente a querencia pola cousa pública. Argimiro Marnotes Fernández é, como o seu propio nome e o pouco común apelido indica, fillo do que foi alcalde do Carballiño dende 1979 a 1991. Logo de ser elexido pola agrupación local para ser o candidato das vindeiras municipais, Marnotes xa foi presentado nunha xuntanza multitudinaria e agora desenvolve un amplo programa de xuntanzas cos colectivos e asociacións da vila. Na actualidade é o portavoz do PP no Carballiño. -PSOE e BNG aínda non fixeron públicos os seus candidatos e vostedes xa levan meses organizándose de cara ás municipais. -A presentación púbrica que fixemos, na que estivo Baltar e máis de cincocentos militantes, foi o segundo paso desta estratexia. O primeiro foi o proceso para a elección do candidato, que se fixo un ano antes das municipais. Isto supón un cambio radical con respecto a época anteriores, nas que chegabamos ás portas das municipais ca lingua fóra e buscando un candidato a última hora. E iso non gustaba á nosa xente e creaba desconcerto. -¿Apelidarse Marnotes no Carballiño é unha ventaxe ou un inconvinte para presentarse a unhas municipais? -É unha herdanza e unha experiencia que está aí. Aínda que oficialmente levo catro anos na política activa a verdade é que pódese decir que estou na mesma dende que teño uso de razón: lémbrome pegando carteis nas primeiras municipais, na época de UCD, de CG. Nun principio era algo que vía dende lonxe, logo sofres a metamorfose e é cando decides implicarte a nivel político. De Marnotes aprendín como se debe tratar e respetar á xente e de Pachi Vázquez aprendín como maltratar á xente. -Dende o PP do Carballiño se cuestionou en determinadas ocasións a postura de Baltar coa vila ¿vostede conta co respaldo do presidente provincial? -Dende que se levou a cabo a votación para elexir ó candidato xa me dixo que contaba con todo o seu apoio e ratificouno de inmediato no partido. Sei que está satisfeito por como se elexiu o candidato e por sair este dun proceso democrático e tamén sei que conto con todo o seu apoio porque así mo ten manifestado. -Obviamente vostede ten que xogar o papel de gañador ¿mais considérase con apoio suficiente para desbancar ó PSOE da alcaldía? -A política está marcada por ciclos e, na miña opinión, o PSOE ten esgotado o seu no Concello do Carballiño. Pachi Vázquez baseou a súa xestión na política do medo e no «estás conmigo ou contra min». E xa se viu nas últimas municipais, que fachendeaba con sacar 12 -o Carballiño ten 17 concelleiros- e baixou ata quedarse a un concelleiro de perder a maioría. Por iso andivo buscando unha saída para marchar a tempo do Concello. E agora isto é coma un barco: o capitán escapou e deixou a nave e agora cada un anda a buscar o seu posto real e a súa parcela, o que o ex alcalde non lle deixaba facer, e así están as cousas. A dimisión do concelleiro de Persoal é só un exemplo do que está a pasar aí dentro: descontrol, desconfianza entre os propios concelleiros do PSOE e cos funcionarios. Un caos. -Os seu críticos lembran que vostede non vive no Carballiño. -Esa é unha situación circunstancial por motivos profesionais que axiña cambiará. Vivo en Ourense por razóns profesionais, mais a miña casa vai estar en Arcos. O proxecto xa está feito e aprobado e alí estará a miña vivenda. Con todo, hai que lembrar que Pachi Vázquez vivía en San Amaro nos últimos tempos e que Carlos Montes vive en Maside, o cal non supón atranco ningún para que poda desenvolver o seu traballo como alcalde do Carballiño. -Móbil, internet ¿novos tempos para o PP? -Poñemos a disposición de tódolos veciños o teléfono da sede na vila, un móbil e un enderezo en internet para que nos fagan chegar as súas inquedanzas e propostas. Ademáis imos manter xuntanzas con tódolos colectivos e asociacións para que nos fagan coñecer as súas demandas, o que será básico para crear o noso programa electoral. -Programa que, entre outras cousas, incidirá en... -En aproveitar as nosas potencialidades e situación. Temos que lograr que non se cobre peaxe na AP-53, a autopista Santiago-Ourense, entre Carballiño e Ourense para que a vila sexa atractiva para a xente como cidade dormitorio. Tamén hai que potenciar, dunha vez por todas, a nosa riqueza termal e moitas outras cousas para recuperar o dinamismo da vila.