Lembranzas contra o esquecemento

Ana G. Diéguez OURENSE

OURENSE

Reportaxe | El hijo del último alcalde republicano de Gomesende recuerda sus vivencias «Era un home bó e matárono por ser de esquerdas», afirma Arturo Pérez

28 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?alar da Guerra Civil e das súas consecuencias segue a ser un tema que levanta polémica na nosa sociedade cada vez que se fala dela. Durante setenta anos, moitas familias tiveron que calar, agardando que chegaran días con máis liberdade. Pero agora as verbas escóitanse con forza en Celanova, grazas ás xornadas sobre Represión Franquista organizadas pola asociación Arraianos , aproveitando a celebración do Ano da Memoria. Dentro do programa, inaugurado o pasado domingo coa inauguración dun mural no Alto do Furriolo, destacan os coloquios cos que foron protagonistas naquela época e sufriron as súas consecuencias. Arturo Pérez supera xa os setenta anos pero as súas lembranzas son aínda lúcidas. Fillo de Celso Pérez, alcalde de Gomensende naqueles anos, tivo que facer fronte ó asasinato de seu pai no Furriolo, polos falanxistas da zona. «Estiveron buscando algo do que acusalo durante días-explica con claridade-pero non atoparon nada. Era un home bo e matárono por ser de esquerdas, nada máis». Ó seu carón, no coloquio que se celebra na biblioteca do instituto de Celanova, atópase Carlos Pereira, neto do político fusilado. Nas súas máns garda numerosos documentos, para demostrar que estas memorias non son unha mentira, que a dor e o medo foron reais. «Nós non facemos estes actos para meter o dedo na chaga, nin por vinganza. Só queremos que se recoñeza a inxustiza que se cometeu con todos estes homes, asasinados sen máis», afirma con vehemencia. A familia de Arturo Pérez quedou marcada para sempre por este feito, tendo que facer fronte ás típicas expresións de «algo faría», daqueles que non viviran a traxedia na propia pel. Para eles e para os que acuden a estas xornadas non hai dúbida de que aínda queda moito que facer para conseguir unha dignificación plena dos represaliados durante a contenda, aínda que estas Xornadas supoñen un avance moi importante. «As novas xeracións deben coñecer o que pasou, porque se descoñecemos o noso pasado, repitiremo-los erros no futuro», remata Arturo, cun reflexo de esperanza na ollada. As actividades continuarán hoxe a partires das dez da mañá, con tres conferencias e pola tarde coa proxección dun documental.