Vilanova dos Infantes volveu ser o escaparate etnográfico da provincia

Jesús Manuel García OURENSE

OURENSE

SANTI M. AMIL

Grupos de música e danza galegas de todo Ourense animaron as rúas do burgo medieval A Coral de Ruada sumouse este ano á populosa romaría ourensá das Letras Galegas

17 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Colas para subir á torre, riadas de xente polas rúas todas que forman un feliz laberinto no fermoso burgo medieval de Vilanova dos Infantes. Xogo da chave, práctica de zancos, grolos de viño, viandas varias, música e danza baixo un sol xeneroso de mañá e o fresco agradecido da tarde. Esta podía ser unha estampa do vivido onte na quinta edición da Romaría Etnográfica Raigame, que convirte a Vilanova nun pequeno universo engaiolante polas Letras Galegas. Pola mañá escoitáronse os cantos da Coral de Ruada, das pandereteiras e de varios grupos de gaiteiros por todos os recunchos do burgo. Á unha e media, a Banda de Música de Vilanova deu o seu concerto arrancando por Ponteareas . Agora diríxea Juan Ramón Rodríguez, clarinete. Escoitar esta banda impuña o seu respecto e emoción. «Da moito gusto tocar ante tanta xente e que te aplaudan», sinalou. O grupo está montando obras galegas do compositor local Benito de las Cuevas. «É un compositor moi completo», engadiu. Actuaron durante todo o día 28 grupos de danza galega de toda a provincia. Na praza e noutros rincóns. Grupos de ambientación houbo once, incluido un de músicos portugueses de Santa Águeda.En cada baixo un posto de artesanía, un bar e sempre bon ambiente. Era perderse polo rueiro e sorprenderse cun posto ofrecendo artesanía do coiro, textil, olas, aromas, sombreiros, cestos, redes de pescar e tellas. Cerámica de Niñodaguia e de Buño. E veña ledicia con baile e música onde se tivera a ben improvisar. Na rúa da Igrexa, onde os Currunchos, a media tarde andaban os gaiteiros de Xinzo e os portugueses a todo cantar e tocar con pasodobles, coa Laurindinha ou co Tiroliro . Festa rachada. Aínda había un veciño que emigrou en tempos a América e andaba coa súa guitarra a ritmo de habanera con certo deixe arxentino. O xornal da romaría estaba en todos os postos. É Raigame , que saiu co número tres. E tamén o folleto da festa, guía completa do que houbo. Por haber, houbo libros á venda sobre Manuel Lugrís, sobre Galicia e tamén Portugal. Todos temas etnográficos. Tamén bailaron os Danzantes de Vilanova e non faltaron mostras varias desde embarcacións pesqueiras ata zapatos. No almorzo nas carpas había unhos dous mil comensais. Empanada, polvo, carne ó caldeiro e bica. Por alí andaban o poeta González Tosar ou o etnógrafo Elixio Rivas. Ardía Vilanova. Máis información L2 e L3.