O Couto Mixto recibiu aos seus tres novos xuíces de honra

García Mañá suliñou que este territorio tivo a democracia máis vella da Península Os nomeados recibiron unha chave, un bastón de mando e un diploma


ourense

O Couto Mixto ten desde onte tres novos xuíces de honra nas persoas de José Pérez Añel, «home de acordo»; Francisco Campos Freire, presidente de CRTVG e Álvaro Xosé López Mira, profesor da Universidade de Vigo gran estudoso da fronteira galego portuguesa e do Couto Mixto. Só estivo presente o primeiro dos nomeados xa que os outros excusaron a asistencia por causa familiar importante.O acto desenvolveuse na emblemática igrexa de Santiago de Rubiás, centro dun territorio que foi independente cunha longa historia nacida no século XII e alterada no 1864 polo Tratado de Lisboa. O templo atopábase ateigado de xente. O presidente dos Amigos do Couto Mixto, Luis García Mañá dixo que se hoxe ese pequeno espazo xeográfico seguira sendo indepente teríamos outra Andorra. Tamén salientou que O Couto Mixto tivo a democracia máis antiga do país. Abriu o acto a Coral Cantares Gallegos, chegada de A Coruña coa Confederación Galega de Veciños Rosalía de Castro. Nos bancos estaban, entre outros, Carlos Varela, fiscal xefe do TSXG; Gonzalo Ocampo, subdelegado do Governo en Ourense; Amado Rincón, presidente do IGAEM, alcaldesa da Limia e descendentes dos habitantes daquela república dos soños. Os restos daqueles devanceiros descansan baixo as pedras da igrexa. Houbo un intre especial naquela atmósfera íntima que só coñecendo ben a historia do Couto Mixto pode chegar a encoller o corazón: o traslado ritual do arcón orixinal, vello arquivo do Couto, por seis homes encapotados, que representan aos antigos homes de acordo. Sacarono da sacristía onde permanece por séculos e soaba o cuarteto de corda da escola de Altos Estudos Medievais do IGAEM. Emocionante. Os homes abriron o arcón coas tres chaves e meteron os discursos e acta dos nomeamentos deste ano. Pérez Añel, veciño de Rubiás dos Mixtos, non pode falar por unha enfermidade pero fixo que en seu nome se deran as grazas. Campos Freire enviou un texto no que dí que Couto Mixto pode soar a cousa virtual pero non é un soño porque é historia real. López Mira tamén enviou discurso no que di que o Couto morreu porque España e Portugal naquel século XIX non entendían a democracia que alí se practicaba e acabaron co pequeno territorio independente porque podería ser mal exemplo para os concellos limítrofes. Voltou a soar a música barroca que acariciaba o ambiente dun edificio no que o seu atrio servía para celebrar as sesións do governo do territorio. O arcón é o orixinal, que na francesada foi vaciado polas tropas de Soult, destruindo os documentos medievais dos privilexios desa terra. Era o arquivo do Couto. Para abrilo, tiñan que reunirse doce homes dos máis íntegros, catro por cada pobo (Santiago, Rubiás e Meaus) escollidos en asamblea no Concello e os tres homes de acordo que tiñan cada un a súa chave. Os doce ían á igrexa, co xuíz do Couto Mixto, verdadeiro soberano no governo administrativo, político e económico, e abrían con solemnidade o caixón da súa historia.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O Couto Mixto recibiu aos seus tres novos xuíces de honra