Facendo país no Couto Mixto

Un monolito permite dende onte homenaxear á lingua galega na aldea de Rubiás Os visitantes poderán depositar unha pedra escribindo nela unha palabra en galego


ourense

O Couto Mixto voltou a ser onte centro de atención, esta vez para a lingua galega co descobremento dun milladoiro que tentará ser o punto onde cada quen deposite una pedra cunha palabra galega escrita sobor dela. A xuntanza celebróuse en Rubiás, un dos pobos daquela república independente que morreu no ano 1864 polo Tratado de Lisboa.Os Amigos do Couto Mixto quixeron honrar así a memoria do lugar mediente a palabra, que serviu, segundo dixo Luis García Mañá, para a comunicación entre estas xentes e as do outro lado da Raia. «Honramos a palabra, a nosa lingua, facemos país. Queremos aumentar a autoestima desta xente que durante tantos anos esqueceu as súas raíces seguramente por intereses alleos a eles e queremos que nesta aldea de Rubiás, despois de 140 anos, se volte a lembrar aos nosos devanceiros, aqueles privilexios e lembrar sobor de todo que a palabra é o mellor para entenderse», espuxo este bon coñecedor da historia local. Á unha da tarde comenzou o acto. Os membros do grupo de acordeóns Meiriño, de Ourense, deron un pequeno concerto diante da vella escola do barrio de Alén, patrocinado pola Consellería de Cultura. O acordeón é instrumento moi típico na Raia. Non podía faltar. García Mañá fixo a presentación e de seguido os veciños achegaronse ao pé da estrada onde se atopa o monolito coa placa onde se lé iso de facer país coa palabra. Para levantar a bandeira que tapaba a lenda, estaban a concelleira de Cultura de Calvos de Randín, Sandra Rodríguez; o alcalde de Baltar, Silvestre Rodríguez e os chamados homes de acordo : Cesáreo González, Serxio Álvarez e José Pérez.TradiciónEstes tres homes equivalen ao pedáneo. Cesáreo é de Santiago, Serxio representa a Meaus e José a Rubiás. Son escollidos polos propios veciños das tres aldeas do Couto. Aquí non intervén o alcalde para manter a tradición da zona. Eles teñen, cada un, unha das tres chaves do arcón que se conserva na igrexa de Santiago, onde dende sempre se gardan os documentos do Couto Mixto. Chaves, pechaduras e arcón son orixinais, os que alí se atopaban cando as tropas de Soult queimaron todos os documentos do lugar.«Niste acto dos Amigos do Couto Mixto nós estamos aquí para traballar xuntamente con eles», explicou Cesáreo González. «A vida hoxe aquí é a dos xubilados, catro homes entre os 60 e 65 anos que somos os que tiramos algo por isto. Temos moitos visitantes, da parte de Pontevedra veñen bastantes e de Madrid e Barcelona tamén», comenta Serxio Álvarez. «Moita xente ignora o que isto foi», lembra José Pérez. Seu avó morreu fai 65 anos e contáballe historias do vello Couto Mixto «pero eu tiña uns dez anos e explicounos moitas cousas pero esquécense», engadiu. Os homes de acordo e seus veciños están fachendosos de vivir nun sitio cunha historia tan orixinal e séntense arroupados polos Amigos do Couto Mixto. A xente puxo a súa pedriña neste milladoiro, onde Xosé Benito Reza adicou unhas palabras: «Cremos que a autoestima é unha táboa de salvación onde procurar o mar das brancas areas nos tempos duros que nos toca vivir. Porque neste mundo globalizado, e uniforme e gris, as cores son imprescindibles».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Facendo país no Couto Mixto