«A Guerra Civil tamén se perpetrou contra Curros Enríquez»

Concha Pino SANTIAGO

OURENSE

ÁLVARO BALLESTEROS

O cronómetro | Xesús Alonso Montero

16 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

? profesor Xesús Alonso Montero está a presentar nestes días a súa nova obra, o libro Curros Enríquez no franquismo (1936-1971). Un traballo este que dá conta, unha vez máis, da súa enorme capacidade intelectual para rescatar a memoria de personalidades da cultura galega con testemuñas que revelan facetas ou etapas pouco coñecidas. -¿Que conta no libro? -É un estudio sobre as limitacións, prohibicións e censura que sofriron durante o franquismo, e sobre todo nos primeiros anos, os editores, estudiosos e divulgadores das obras e da figura do gran escritor. E tamén como, fronte ó silencio de que era obxecto aquí, os exiliados e emigrantes galegos na diáspora desenvolveron unha labor apaixoada a favor do nome do escritor, denunciando as restriccións a que era sometido polo franquismo. -¿De que tipo eran? -Dende a censura na prensa de artigos sobre el ata o intento de retirar o monumento que está nos Cantóns da Coruña, un proxecto de 1970 contra do que se pronunciara Otero Pedrayo cunha fermosa carta que reproduzo no libro. Tamén aporto o Boletín Oficial da Provincia de Lugo no que aparece, asinada por Filgueira Valverde, a orde de retirar das bibliotecas escolares as poesías en galego de Curros. A Otero prohibíranlle falar en galego na celebración do centenario do nacemento de Curros, en 1951. -¿Por que decide editar agora esta obra? -Parte da conferencia que pronunciei no congreso que se celebrou no 2001 en Celanova con motivo do 150 aniversario do seu nacemento, A Guerra Civil tamén se perpetrou contra Manuel Curros Enríquez, que é o capítulo principal deste libro que agora se está a presentar por toda Galicia.