«O importante é o equipo»

La Voz

OURENSE

CÁNDIDA ANDALUZ. ENTREVISTA. Avelino García Ferradal é o actual presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses Avelino García Ferradal é dende o doce de febreiro o novo presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV), estrenándose coa organización da Semana de Historia. Agora prepara con ilusión a nova edición do Encontro de Poetas e un congreso no que tentará reunir en Viana a asociacións culturais desta comarca.

21 may 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

A súa primeira impresión cando soubo do seu cargo foi «de susto», aínda que recoñece o apoio de tódolos membros da directiva do IEV foi o máis importante. Despois de tres meses ¿como afronta o cargo? O importante é o equipo, ter xente traballadora que esté o teu carón, que sexa incansable e que me anime en todo momento, e así ocurre neste caso. Non é por botarlle frores, pero na Semana de Historia o seu labor foi encomiable, sobre todo pola cantidade de horas que traballaron de forma totalmente altruista. Sei que a responsabilidade final pode ser miña, pero eles son magníficos. ¿Afronta a presidencia coa idea de facer grandes cambios? A verdade é que non tiña moi craro que quería presentarme á presidencia, pero ó final eiquí estou. Ideas novas sempre son necesarias, aínda que a laboura que efectuou o anterior presidente, Francisco González, foi envidiable; sobre todo na publicación de libros. Pero ideas novas hai e xa tivemos oportunidade de facer algunha cousa neste senso, como o feito de cambiar a Semana de Historia e darlle un aire novo. As cousas facíanse ben, pero o máis importante é non caer na monotonía, e así o valorou a gran cantidade de participantes. ¿Qué está a programar agora? A finais deste mes celebraremos un congreso en Viana onde participarán tódalas asociacións culturais de Valdeorras e Viana. Tamén temos preparado para principios de xuño o XIV Encontro de Poetas en A Rúa. Repartirémolo en tres días coa participación duns cincoenta poetas da zona e cunha atención especial ó poeta valdeorrés Emilio Costa Dávila, ademáis dunha homenaxe póstuma á Hermesinda Vieites.