Cuestionar

OPINIÓN

Rueda de prensa de Flavio Bolsonaro tras perder las elecciones brasileñas, en la que pidió su anulación.
Rueda de prensa de Flavio Bolsonaro tras perder las elecciones brasileñas, en la que pidió su anulación. XINHUA vía Europa Press | EUROPAPRESS

Resulta patético e perigoso o que estamos a ver en moitas eleccións onde sempre se pon en dúbida o sistema cando os resultados non saen como un quere. Velaí Netanyahu denunciado unhas eleccións roubadas por inxerencia estranxeira, ou Flávio Bolsonaro cuestionando sen ningún tipo de probas a vitoria de Lula. Estas escusas para a derrota ou por non chegaren á aspirada maioría teñen un gran promotor como é Trump, que leva anos perfeccionando esta democracia de comenencias. Despois das lexislativas estadounidenses cabe temer unha nova entrega, porque cando gaña a que fala sempre é a cidadanía, mais cando perde hai un roubo descarado papeletas. A vitoria sempre leva equiparada a transparencia. Non así a derrota ou os resultados desagradables, onde os candidatos aceptan a vontade popular só se esta os acepta a eles. Non hai moito tamén en España se puxo o foco en Correos e na desconfianza de manipulación dos votos, algo que de ser certo sería dramático para a democracia, e que ninguén, nin tan sequera quen o discute, remata por crelo. Agora ben, no caso improbable de que Vox e o PP non acaden a maioría nas vindeiras eleccións, teremos que nos ir preparando para escoitar unha retórica coñecida: ilexitimidade do adversario, pactos de estafa e hipóteses de conspiración. Calquera irregularidade, por moi pequena que sexa, levará a discutir calquera resultado. Non quero nin imaxinalo. Chegamos a un punto en que todo vale e non debería ser así. Endexamais discutiremos o dereito de impugnar se hai probas, por suposto, pero se non as hai facelo debería ser un delito, para que ningún candidato sementase semellantes dúbidas sobre un proceso que leva funcionando durante tantos anos. A democracia comeza por aí, por aceptar as regras de xogo que valen igual para todos. E se hai inxerencias estranxeiras, todos sabemos que adoitan vir sempre do mesmo lado: dos que gustan de facer trampa e ven a democracia coma un atranco para chegaren ao poder.