O falecemento de Xosé Manuel Beiras é, para os que estudamos en Compostela nos oitenta, algo máis ca unha noticia política. Era unha referencia xeracional. Cando o escoitei no cinema Capitol nunha campaña das autonómicas de 1985, ninguén do meu grupo tiña pensado votar por el. Mais a súa oratoria doutro tempo e a súa retranca engaiolaba: máis dun mudou de opinión. Por baixo da súa paixón oratoria latexaba un fondo pensamento, unha notábel sutileza teórica, e un corazón galeguista que abofé lle viña tamén da súa socialización familiar e estudantil, naquela Compostela dos anos escuros que describiu o seu amigo Xosé L. Franco Grande. A segunda vez que o escoitei foi nun ateigado teatro de Ourense no 1993. Mesmo a miña tía, pouco galeguista, acudira, e saíu convencida: «Este home fíxome rir e pensar».
A súa viaxe intelectual levouno da Universidade de Santiago á Sorbona, a abrazar un marxismo non dogmático, a ser catedrático de Economía en Compostela, e a formular en O atraso económico de Galicia (1972) un modelo de interpretación da realidade galega como unha periferia pseudocolonizada dentro do Estado español. Modelo ao que foi sempre fiel, con adaptacións altermundistas dende comezos do século XXI. Esa interpretación levouno a confluír en boa parte coa esquerda antimarxista e anticolonial arredor da Unión do Pobo Galego, competidora, aliada e despois de novo competidora. A súa andaina política levouno do Partido Socialista Galego (PSG), cuxos iniciais postulados na liña da socialdemocracia levou cara á esquerda, ao refundado Bloque Nacionalista Galego, do que deveu líder carismático durante dúas décadas. Beiras puido ser o Maragall galego de aceptar integrar o PSG no PSOE, mais rexeitou a oferta. Opinaba: «Os socialistas galegos somos nós».
Como líder do BNG, levouno a ser segunda forza da oposición ao PPdeG de Fraga nos anos noventa, e a darlle ao nacionalismo galego de esquerda unha visibilidade exterior que xamais tivera dende Castelao. Por baixo da súa paixón, marcou unha liña estratéxica clara dende mediados dos oitenta: de forza antisistema afín a Herri Batasuna a un soberanismo pragmático, que explotase a autonomía como primeiro paso. Nalgunha entrevista afirmou que o BNG era a «socialdemocracia galega». E as súas relacións exteriores levárono a confraternizar co PNV e Convergència.
Non todo o nacionalismo seguiu a súa aposta. Era cabeza visíbel do BNG, mais non controlaba o aparello. Dende o 2001, moitos viron nel un líder amortizado e escolleron outras opcións. Porén, aínda tiña algo que dicir, cruzando unha liña que ata entón fora tabú: a divisoria entre esquerda «españolista» e nacionalista, baixo o paraugas dun galeguismo federalista compartido e a nova política. Esa fase non durou demasiado, e Beiras volveu ao rego familiar, o da paixón patriótica. Xenio e figura, intelectual e político, foi un símbolo dunha xeración irrepetíbel. A historia faralle xustiza.