Desafiuzamentos

Siro
siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

Alberto Núñez Feijoo falou do desafiuzamento de Maricarmen e dixo que «es una desgracia personal, pero en Hospitalet de Llobregat otra mujer desahuciada se suicidó y nadie acampó por ella». É certo. Chamábase Olga, tiña 54 anos, dúas fillas e había cinco meses que un fondo voitre a deixara sen vivenda. Porén, non entendo a intención de Feijoo ao facer este comentario, como non sexa a de non estar calado. Se é así, se foi por darlle ao tarabelo, podería engadir que no 2025 se suicidaron 3.808 persoas en España —once cada día— e que a Plataforma de Afectados pola Hipoteca responsabiliza dun número importante ao «terrorismo financeiro». A observación de Feijoo non ten xeito, porque todos —tamén el— sabemos que en cousas de tripas as imaxes valen por miles de palabras e, se, como vimos saír a Maricarmen da casa en padiola, vísemos unha muller lanzándose á rúa desde un piso alto, á Porta do Sol chegarían millóns de campistas.

No que ten razón Feijoo é en acusar ao Goberno de non saber, non poder ou non querer resolver o problema da vivenda, porque, despois de oito anos de promesas incumpridas, o fracaso é total. E Feijoo fai ben en pedir paso para arranxalo. Como? Xa o dixo: construíndo un millón de vivendas en catro anos e facilitando o acceso dos mozos á primeira con avais públicos de ata o 100 % da hipoteca e reducións fiscais do 60 %.

Dan gañas de votalo. O malo é que en materia de vivenda nin Feijoo nin o PP son de fiar. El, porque nos 16 anos que presidiu a Xunta só fixo 581 vivendas públicas; Alfonso Rueda, o seu sucesor, porque das 1.800 prometidas para o 2026 entregou 96; e o partido, porque no 2013 o Goberno municipal de Madrid, presidido por Ana Botella, vendeu 1.860 vivendas públicas a un fondo voitre por un prezo moi inferior ao do mercado. No 2018, a alcaldesa e sete edís foron condenados polo Tribunal de Contas a pagar 25,7 millóns de euros para resarcir os danos causados ao patrimonio, pero, un ano despois, o mesmo tribunal, xa controlado polo PP, absolveunos.

No 2024, o Tribunal Supremo ditaminou que os veciños tiñan dereito a adquirir os pisos polo prezo que pagou o fondo, pero tarde piou e, a día de hoxe, viven angustiados porque o fondo os vendeu a outro fondo e, malia a subida do alugueiro de 560 a 1.100 euros, empezaron a recibir avisos de que non llelo renovarán.

Isabel Díaz Ayuso tiña que dicir algo e díxoo. Cando fala, á roxería sáenlle ronchas, pero eu relouco oíndoa e véndoa. Non as pilla moito e coida que a Maricarmen a desafiúzan por non pagar o alugueiro, así que se pon en plan Verbena de la Paloma e, irónica, pestanexa, revolve a lingua na boca e pide: «Que me avisen a partir de qué edad dejo de pagar a mis caseros para ya quedarme en la casa, y a lo mejor en la próxima manifestación de inquilinas me sumo y pido ya quedarme».

É un encantiño.