A universidade fronte ao espello

Xaquín S. Pérez-Sindín López PROFESOR ASISTENTE NA SECCIÓN DE XEOGRAFÍA NA UNIVERSIDADE DE COPENHAGUE

OPINIÓN

Estudiantes universitarios en una biblioteca.
Estudiantes universitarios en una biblioteca. Oscar Vázquez

Charlie Kirk percorreu decenas de campus co lema provocador de «College is a scam» (a universidade é unha estafa). A súa mensaxe era clara: os mozos endebédanse para pagar uns estudos que non lles garanten un traballo. E, se reducimos a universidade a un contrato mercantil entre cliente e provedor, razón non lle falta: se o título non se traduce en emprego, o estudante séntese enganado e o sistema parece unha fraude. Pero ese xeito de entender o ensino superior, cada vez máis estendido tamén en Europa, parte dun erro de base: esquecer para que foi concibida realmente a universidade.

As universidades non naceron para colocar a ninguén nin para serviren de pasarela cara ao mercado laboral. Naceron como comunidades do saber, espazos de encontro e reflexión nos que o obxectivo principal era formar persoas capaces de pensar con autonomía, de analizar a complexidade do mundo e de argumentar con rigor. Durante séculos, o prestixio dunha universidade medíase pola súa contribución ao pensamento, non pola taxa de inserción laboral. Porén, nas últimas décadas, a presión dos rankings, as esixencias de empregabilidade e a lóxica do cliente satisfeito foron desprazando esa idea orixinal. O estudante pasa a verse como consumidor, o título como produto e a docencia como un servizo que debe garantir un retorno económico inmediato. A universidade corre entón o risco de converterse nun procedemento: acumular créditos, superar probas, validar estándares. E, cando o saber se somete só á lóxica da rendibilidade, inevitablemente perde profundidade, sentido e capacidade crítica.

Cómpre dicilo con claridade: aprender a programar, construír un motor ou deseñar un algoritmo é un logro importante. Pero confundir esas destrezas co propósito último da educación superior é un erro de época. A universidade non debería centrarse só en que facer, senón tamén en por que e para que facelo. O obxectivo é que cada estudante poida atopar unha resposta á pregunta máis difícil: que quero achegarlle eu ao mundo? Esa resposta pode estar ligada a un emprego, pero tamén pode ser algo completamente distinto: un proxecto vital, un compromiso cívico, unha curiosidade intelectual que, co tempo, cristaliza en innovacións, servizos públicos mellores ou novas formas de entendernos como sociedade.

Por iso é tan necesario que as universidades sexan espazos vivos, abertos e curiosos: lugares onde o debate, a lectura atenta, a escoita crítica e a experimentación intelectual teñan tempo e prestixio. Un campus que latexa, con conferencias, encontros, proxectos transversais e conversacións que nacen nos corredores, permite que o coñecemento se poña en movemento e se contraste co mundo, sen ter que preguntarse de inmediato se «serven para algo».

Se seguimos reducindo a universidade a un trampolín cara ao mercado laboral, corremos o risco de baleirala de sentido. Pero, tamén, e isto é igual de grave, o risco de xogar no terreo discursivo de quen, como Charlie Kirk, promoven unha visión ultraconservadora do coñecemento: a idea de que só é valioso aquilo que produce beneficios inmediatos ou que non cuestiona o statu quo. Os seus imitadores emerxen tamén en España, envoltos en denuncias de suposto adoutrinamento e na obsesión por medir toda aprendizaxe nun retorno contable. O que non din é que, cando a universidade renuncia ao pensamento crítico, as democracias se debilitan: a cidadanía perde ferramentas para distinguir entre información e propaganda, para avaliar decisións públicas complexas ou para defender a verdade fronte ao ruído. Iso si é unha estafa.