A memoria do mes de agosto ten puntos negros. Tamén días e horas felices. Pero na crónica dos nosos pais e dos nosos avós, que en gran medida herdamos os fillos e os netos, hai experiencias terribles. Xosé Fernández Ferreiro, xornalista e novelista, compañeiro na Real Academia Galega, escribiu un libro estarrecedor que, segundo el mesmo confesou, gardou durante moito tempo sen decidirse a publicalo ata que pasaron os anos e puido afrontar feitos próximos que recordaba, experiencias que nunca se esquecen e condicionan a nosa vida. Agochalas non resolve nada. Mellor deixalas saír, verbalizalas, saber que existiron mesmo para que non volvan. O tempo é un bálsamo que se non cura, axuda a cicatrizar. A novela de Fernández Ferreiro é Agosto do 36 (Xerais, 1991).
Entre os moitos puntos negros daquel agosto terrible hai unha experiencia que sempre me impresionou: o asasinato practicamente o mesmo día, case que á mesma hora, de Ánxel Casal e Federico García Lorca. O Concello de Santiago de Compostela organiza para o próximo día 19 unha lembranza especial para o editor. Supoño que se falará tamén do poeta.
Algúns meses antes, da man de varios amigos, chegara ás mans de Casal, propietario da editorial Nós, o orixinal dos Seis poemas galegos que o autor do Romancero Gitano fora escribindo en distintos viaxes a Galicia, o primeiro en 1916, con dezaoito anos. Casal publicou o libro cun prólogo de Eduardo Blanco Amor. Era un acontecemento importante, homenaxe de admiración e afecto á literatura galega, á nosa lingua e aos nosos poetas, moi principalmente a Rosalía de Castro, a quen dedica o poema que empeza así: «Levántate, miña amiga, que xa cantan os galos do día» (decembro, 1935).
Ánxel Casal foi asasinado na mañanciña do 18 ao 19 de agosto. Era o alcalde de Santiago. Os golpistas prendérono con outros mais na cadea municipal da Falcona, entre eles Camilo Díaz Baliño, a quen debemos retratos dos compañeiros presos, poucas horas antes do asasinato, e levárono para a parte de Cacheiras, no concello veciño de Teo. Alí apareceu, deitado nunha gavia. A Camilo Díaz matárono entre Palas de Rei e Melide. Unha escabechina. Case o meso día e á mesma hora pasearon a Federico García Lorca na barranca de Vizmar, en Granada: contra as 4.30 da madrugada. Poeta a editores, pois Díaz Baliño traballaba tamén para a editorial Nós, sacrificados xuntos. Non coñezo outro caso tan impresionante e significativo. Albert Camus e Michel Gallimard, novelista a editor, morreron tamén xuntos, pero nun accidente de tráfico, en xaneiro de 1960. A irmandade dos galegos e o granadino, unidos traxicamente polo amor a Galicia e a lingua, é un símbolo que non debemos esquecer. O corpo de Lorca na barranca de Vizmar aínda nunca apareceu. O de Camilo Díaz Baliño seica acabou nunha foxa anónima a carón da igrexa de Saa, preto de Palas. Os restos de Ánxel Casal recuperáronos e, logo dun tempo, depositáronos no cemiterio de Santo Amaro, na Coruña.