A verdadeira actualización do plan de normalización do galego
OPINIÓN
Nos últimos días, boa parte do debate arredor do novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega xirou arredor das porcentaxes: se será bilingüe ou plurilingüe, se o galego terá un 33 % ou un 50 % de presenza no ensino.
É un debate importante, sen dúbida. Mais quen sabe que a saúde dunha lingua non se mide en lexislaturas nin se decide en poucos anos talvez repare noutra novidade. Pode parecer menor, pero, se chegase a abrir a porta a políticas lingüísticas máis intelixentes, o seu alcance podería ser extraordinario.
Trátase dunha mudanza cualitativa, aínda que tamén se poida expresar con cifras. A lusofonía e o portugués, mencionados apenas trece veces no plan anterior, aparecen agora en oitenta ocasións e ocupan un lugar moito máis relevante no novo texto.
Non sei se isto significa que os seus redactores xa asumiron todo o que o portugués pode achegar ao futuro do galego. Mais, no inmediato, pode ofrecerlle algo esencial: un ámbito vivo de uso para moitas expresións que aquí procuramos conservar e normalizar.
Hai uns días, varias familias galegofalantes almorzabamos nun coñecido café de Santiago. Dúas nenas pediron torradas. O camareiro era un esforzado neofalante, mais nunca lle pediran tal cousa. Primeiro respondeu que non había; despois pediu que lle explicasen de que estaban a falar. Unha das nenas, algo avergoñada, acabou por desistir: «Mellor un croissant».
As linguas viven da transmisión e dos usos, mais no caso do galego ambos se encontran seriamente comprometidos. Os que o empregamos con convicción sabemos que se imos ao médico dicindo que temos comichón nos cotobelos ou un tirizó na pálpebra é posible que xa non sexamos entendidos. Son palabras usadas aínda en moitas casas, mais o seu uso cotián foise esvaecendo.
O novo plan aínda non representa unha mudanza de paradigma. Con todo, deixa entrever unha idea fundamental: o galego non debería romper o seu vínculo co portugués. Se o fai, boa parte do vocabulario galego que non coincide co español ficará sen ningún apoio nunha comunidade de uso viva. E iso ocorrería precisamente cando o portugués vai entrar no século XXII en plena expansión internacional.