Un titular de La Voz de Galicia do 26 de xullo daba esta dramática información: «Julio negro en las lonjas: Arousa ha perdido en diez años el 66 % de su cosecha de bivalvos». Acto seguido, no medio dun longo artigo, atribuía esta caída ao «batacazo de las lluvias de invierno». E eu fago esta pregunta: acaso non choveu sempre en Galicia?
Incluso nos vellos tempos, cando a ría de Arousa e as rías galegas eran ricas na produción de marisco, non chovía tanto ou máis ca nos últimos dez anos? Non terá algo que ver nesta caída da produción marisqueira a contaminación orgánica e química que padecen desde hai moitos anos as nosas rías?
Por exemplo, polo corredor marítimo de Fisterra navegan centos de cruceiros, eses grandes monstros flotantes que van saltando de porto en porto con milleiros de turistas a bordo. As súas augas negras e grises poden ser descargadas legalmente no mar, sen depurar, porque, de maneira incrible, aínda o permite a lexislación marítima internacional. A contaminación orgánica xerada por estas descargas, como ten demostrado a ferramenta do impacto costeiro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, achégase á costa e entra nas rías.
Polo corredor marítimo de Fisterra navegan milleiros de barcos que, por medio dos scrubbers, lavan con auga do mar as emisións de gases, e a mestura resultante descárgase de novo no mar. E que dicir dos excesos de compostos nitroxenados e fosfatos das explotacións agrícolas e gandeiras que, polos ríos, desembocan nas rías, acelerando os procesos de eutrofización das súas augas?
E que dicir da contaminación doméstica, química e orgánica, xerada nas nosas rías polos dous millóns de galegos que nos amoreamos na faixa litoral, xerando enormes volumes de augas residuais que se descargan no mar sen tratar ou deficientemente tratadas?
E que dicir da contaminación das rías pola brutalidade do lixo plástico que todo o invade, que non deixa unha praia libre e vai lixiviando, de vagar, os aditivos químicos que leva engadidos mentres os colectivos de voluntarios non os apañamos e retiramos da ribeira? En resumo, existen algunhas razóns máis ca as choivas de inverno para que o tesouro natural que son as rías galegas deixase de xerar a súa riqueza.