Veño de asistir atónito, durante os últimos días, á publicación de artigos, manifestos e declaracións que presentan a demolición das torres de refrixeración da central térmica das Pontes como unha derrota do patrimonio cultural galego. Fálase dunha perda irreparable, da desaparición dunha parte da nosa historia e dunha sociedade incapaz de comprender e transmitir a súa memoria industrial. Mesmo se chega a afirmar que as torres constituían un «símbolo do esforzo colectivo de toda unha época» e eran «referencias inseparables da paisaxe galega».
Como documentalista e técnico en xestión do patrimonio cultural, pero sobre todo como pontés, resúltame imposible ler ese relato sen unha profunda perplexidade. Non porque descoñeza a importancia económica e social que tivo a central, senón porque custa aceptar que se presente como a gran vítima patrimonial unha infraestrutura que só foi posible logo dunha das maiores destrucións sistemáticas de patrimonio cultural que coñeceu a Galicia contemporánea.
A mina e a central non chegaron a un espazo baleiro. Chegaron a un territorio habitado e construído ao longo de xeracións. A explotación mineira avanzou sobre aldeas, casas, cabazos, palleiras, pendellos, muíños, fontes, pontes, pontellas, lavadoiros, igrexas, ermidas, cemiterios, camiños, valados e terras de labor. Centos de familias foron expropiadas e obrigadas a abandonar os lugares onde viviran durante xeracións. Con elas desapareceron tamén topónimos, formas de vida, relacións co territorio e unha paisaxe cultural construída ao longo de séculos.
Basta observar a evolución das fotografías aéreas das Pontes para comprender a magnitude da transformación. Onde ata mediados do século XX existiu un mosaico de aldeas, leiras, montes e camiños, apareceu unha corta mineira de máis de dúas mil hectáreas aberta para abastecer a central térmica. Non foi simplemente unha modificación da paisaxe. Foi a súa substitución. A paisaxe industrial que hoxe algúns reivindican só puido existir despois de facer desaparecer a paisaxe cultural.
A actividade mineira arrasou tamén un patrimonio arqueolóxico extraordinario. Mámoas, necrópoles megalíticas, castros e outros vestixios dunha ocupación humana de milleiros de anos desapareceron case na súa totalidade. As intervencións arqueolóxicas realizadas nas últimas décadas foron meramente testemuñais fronte á dimensión da destrución, limitándose a documentar unha porcentaxe mínima do patrimonio afectado. O resto simplemente deixou de existir.
Para min isto non é unha reflexión académica nin unha polémica observada dende a distancia. Ese territorio era o dos meus devanceiros. Era a terra que habitaron moito antes de que as torres, as cintas transportadoras, o parque de carbóns e a cheminea chegasen ás Pontes. Ademais, vivín de preto parte dese proceso de destrución patrimonial. Vin desaparecer xacementos, alterarse lugares cargados de historia e asumirse cada perda como un prezo inevitable do progreso. Por iso, que agora se presente a central como vítima dunha gran derrota patrimonial paréceme unha profunda inversión da historia e un insulto á memoria de todo o que foi sacrificado para facela posible.
Non cuestiono que a central deba formar parte da historia industrial das Pontes. Debe estudarse, documentarse e explicarse. Sería absurdo negarlle a importancia económica e social que tivo. Pero iso non pode levarnos a construír un relato no que o patrimonio parece comezar en 1976. A memoria non pode escoller que pasado merece ser conservado e cal pode ser esquecido.
Dise que as torres eran un símbolo do esforzo colectivo dunha época. Tamén o eran as aldeas levantadas polos nosos devanceiros, os muíños, os cabazos, as pontes e pontellas, e os innumerables xacementos arqueolóxicos que testemuñaban milleiros de anos de presenza humana neste territorio. O esforzo colectivo das Pontes non comezou coa industrialización. A industrialización fabricou unha paisaxe nova sobre outra moito máis antiga.
Resulta especialmente rechamante que hoxe se reclame unha sensibilidade extraordinaria para conservar unhas estruturas industriais mentres apenas se dedica unha liña ao patrimonio que desapareceu para facelas posibles. Se hoxe, en pleno século XXI, unha empresa destruíse máis de dúas mil hectáreas de territorio con aldeas, patrimonio arqueolóxico, arquitectura popular e paisaxes culturais, ninguén dubidaría en cualificalo como un dos maiores atentados patrimoniais de Galicia. Por que ese xuízo cambia simplemente polo mero feito de ter acontecido hai cincuenta anos?
A memoria das Pontes non pode quedar reducida á silueta dunha cheminea e dunhas torres. Antes da central existía un territorio cunha historia secular e cunha ocupación humana de milleiros de anos. Existía unha paisaxe na que as xeracións anteriores deixaran pegadas materiais, nomes, lembranzas e formas de vida. Converter agora a infraestrutura que contribuíu decisivamente á súa desaparición no principal símbolo patrimonial do municipio é facer invisible todo o demais.