Carta a un turista calquera

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

OPINIÓN

MONICA IRAGO

A idea maioritaria dos nativos é recibilo cos brazos abertos, en igualdade, e non ter que meternos nunha revolución

09 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Estimado turista: xa sabe que isto de estimado é cousa de cortesía, que se pon ata nas comunicacións máis coercitivas. E, por suposto, pode suceder que vostede sexa unha persoa marabillosa, como calquera de nós. Dúas cousas: hoxe é o Día Internacional do Indíxena. E segunda: como verá, o que vostede vén gozar por aquí éche o que temos, e témolo porque nolo dou a Natureza ou, máis ben, porque os nosos antepasados, tradición e cultura fóronnos deixando isto que ve e desfruta. Tamén estamos nós, claro. Di o noso dicionario que un indíxena é o que naceu no lugar de que se trata; pero nos tempos de hoxe esa palabra aplícase máis á poboación orixinal dun país colonizado, por oposición ao que chegou despois.

Indíxena é sinónimo de aborixe, autóctono, oriúndo, orixinario ou nativo. Non sei se nos considera indíxenas pero, por unha banda, estaría ben porque tería que respectarnos, valorar a nosa contorna e non prexudicarnos nin a nós nin ao que nos rodea; e pola outra, debería asumir que temos aquí a nosa vida, os nosos espazos e, sobre todo, permítame dicilo, nesta etapa do verán, sentímonos un algo colonizados. Non por nada, senón porque vostede, querido turista, ás veces actúa como suxeito titular de todas as prerrogativas e non ten en conta que os nativos somos solidarios con vostede e co sector turístico e levamos toda a vida querendo selo porque queremos e nos peta e nos dá a gana.

Ser nativo contraponse a ser invasor e, a verdade, a min acáeme máis velo a vostede como apreciado, convidado do común, que como invasor; e dígoo polo significado que lle dá o Dicionario da Real Academia Galega a invadir: penetrar pola forza nun país para dominalo; tamén ocupar un lugar e estenderse por el en gran cantidade. E pon como sinónimos infestar e inzar.

En fin, querido ou estimado turista, é ben certo que contribúe vostede ao desenvolvemento deste lugar e, tamén, que precisa o que podemos ofrecerlle para o seu descanso porque, abofé, trae consigo un ano enteiro de traballo duro, preocupacións, problemas dos que desexa repousar e, moitas grazas, elixiu este noso país para retornar novo. Sen a máis mínima dúbida, escolleu ben e, de seguro, levará de volta algo noso. Verá como lle dá resultado baixar a tensión, relaxarse, interactuar e apoiar os nosos negocios locais, non deixar pegadas, axudar a protexer a paisaxe, a cultura e… aos nativos. Se o fai así, contribuirá a manter, a mellorar seguramente, o que temos e a permitir un futuro aberto e ilusionante para este lugar. Preservarao tanto para os que andamos por aquí, vivamos ou non do turismo, como para os que sigan vindo de fóra no futuro.

Teña en conta, por favor, que os nosos recursos —xa lle digo que temos o que temos— non son ilimitados e, ademais, están maiormente deseñados para a poboación aborixe, autóctona, oriúnda, orixinaria ou nativa e que o que lle atrae desta zona é, en realidade, cousa deles que lles ten que agradecer. Xa sabe, porque sen dúbida é persoa culta, que non existe ningún lugar colonizado que non se rebelase contra a potencia invasora. Nós non matinamos en tal cousa. A idea maioritaria dos nativos é recibilo cos brazos abertos, en igualdade, e non ter que meternos nesa revolución.

Doume conta agora que o máis probable será que vostede non lea esta carta ata aquí, entre outras razóns, porque vai no idioma propio destas terras. Faga un esforzo: tenche a súa beleza e quen fale linguas romances é capaz de lelo e entendelo. Tamén será outro símbolo de respecto e enriquecemento para vostede. Non se queixe dos rótulos nin de que o atendan en galego, que vén sendo parte de nós. E entender, enténdenos. Remato xa, estimado visitante, e aparte de darlle as grazas por vir, boa estancia connosco; e volva. Un saúdo atento.