Saúde e territorio no debate do biogás
OPINIÓN
O caso da planta de biogás proxectada en Soandres (A Laracha), que prevé procesar miles de toneladas anuais de residuos orgánicos, xurro e subprodutos animais, evidencia que este tipo de proxectos transcenden o ámbito estritamente tecnolóxico. As súas posibles repercusións afectan á saúde pública, ao territorio e ao modelo de desenvolvemento que se pretende impulsar.
Resulta especialmente relevante o enfoque One Health, impulsado pola Organización Mundial da Saúde, a FAO, a WOAH e o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente. O seu obxectivo é promover unha saúde sostible das persoas, dos animais e dos ecosistemas, recoñecendo a súa interdependencia.
One Health prioriza a prevención fronte á reparación do dano, entendendo que protexer os ecosistemas tamén é protexer a saúde da poboación. Desde esta perspectiva, unha planta que concentra grandes cantidades de residuos orgánicos debe ser avaliada non só pola súa viabilidade económica, senón tamén polos seus posibles efectos sobre a saúde colectiva, a bioseguridade, a calidade do aire e da auga, a biodiversidade e o benestar da poboación. A cidadanía ten dereito a participar nas decisións que afectan ao seu territorio.
A saúde non depende unicamente da ausencia de enfermidade, senón tamén das condicións nas que as persoas viven. Tampouco todos os modelos de biogás responden á mesma lóxica territorial. Fronte aos grandes proxectos impulsados pola lóxica dos fondos de investimento, existen alternativas máis próximas ao territorio: iniciativas cooperativas, modelos descentralizados e proxectos impulsados polas propias explotacións agrarias. Estas propostas reducen o transporte, fortalecen a economía local e favorecen a autonomía enerxética.
O río Anllóns constitúe un ecosistema de elevado valor ecolóxico que conecta espazos naturais, actividades económicas tradicionais e formas de vida ligadas ao territorio. O medio rural non pode entenderse como un espazo baleiro destinado a albergar infraestruturas que outros territorios non queren asumir, nin como un simple soporte para actividades económicas alleas ás necesidades da poboación local. A súa protección tamén é unha cuestión de equidade territorial e de saúde pública.
O enfoque One Health conecta coa estratexia saúde en todas as políticas, en todas as decisións públicas, tamén nas relacionadas coa industria, a enerxía, a agricultura ou a ordenación do territorio. A evidencia científica leva anos analizando os efectos combinados dos cheiros persistentes, o ruído continuo, o incremento do tráfico pesado, as emisións difusas e a percepción do risco ambiental, factores que poden afectar á habitabilidade dos territorios e ao benestar das comunidades.
Por iso, o debate non debería formularse como unha posición a favor ou en contra do biogás. A transición ecolóxica require alternativas enerxéticas e unha mellor xestión dos residuos, pero a cuestión esencial é baixo que modelo e con que garantías se desenvolven estas iniciativas. Cómpre preguntarse se os proxectos están dimensionados segundo a capacidade real dos ecosistemas, se se fundamentan na mellor evidencia científica dispoñible e se a protección da saúde pública recibe o mesmo peso que os indicadores económicos. O principio de precaución, incorporado ao dereito ambiental europeo e plenamente coherente co enfoque One Health, establece que, cando existen incertezas razoables sobre posibles impactos relevantes, deben reforzarse a avaliación, a transparencia e a prevención.
En definitiva, o que está en xogo vai moito máis alá dun expediente administrativo. Trátase de protexer a auga, os ecosistemas e o dereito das comunidades a decidir sobre o seu territorio. E o dereito a habitar dignamente un lugar forma parte inseparable da saúde pública.