Volvín ver en televisión a película Acción civil, dirixida en 1998 por Steven Zaillian e protagonizada por John Travolta e Robert Duvall, que narra a historia real do avogado defensor das familias demandantes contra as empresas que contaminaron con residuos tóxicos a auga potable dunha vila e causaron a morte por leucemia de varios nenos. O equipo xurídico das empresas consegue alongar o proceso ata esgotar os recursos económicos do bufete rival e, cando o consegue, o responsable máximo, interpretado por Duvall, di a Travolta nun alarde de cinismo: «Un xulgado non é o sitio idóneo para buscar a verdade». E engade: «A verdade está nas profundidades dun pozo sen fondo». Despois, coa fachenda de quen gaña sempre, ofrécelle oito millóns de dólares para que retire a demanda e anímao a aceptalos cunha recomendación igualmente cínica: «No se los juegue por ellos. No vale la pena». Cito a versión en castelán porque o protagonista di «No vale la pena», pero debería dicir «No valen la pena», xa que non fala do preito senón dos demandantes, dos pobres demandantes. Son os pobres quen non pagan a pena. E nese intre recordei a deputada do PP —de rancio avoengo no partido— que o 11 de xullo do 2012 berrou no Congreso «¡Que se jodan!» cando o presidente Rajoy anunciou novos recortes nas prestracións por desemprego. Logo diría que se refería aos deputados do PSOE, pero ningún parado a creu.
Tamén lembrei o dono dun bar de Arteixo que leva anos lucindo na fachada unha enorme bandeira preconstitucional e mensaxes contra a roxería: «Rojos absténganse». Dentro, ademais dun pequeno museo do horror franquista, hai outros textos igualmente provocadores: «Aquí no somos/ rojos asesinos/ no matamos curas/ ni quemamos iglesias./ Somos cristianos fachas por la gracia de Dios».
A plataforma veciñal Arteixo Futuro denunciouno por atentar contra a Constitución e a memoria democrática, e el xustifícase co argumento de que a casa é súa, e todo canto fai faino co seu diñeiro. Un xornalista preguntoulle se retirará as bandeiras e as mensaxes, e respondeu literalmente: «Si un juez me obliga, sí. Agora, se é calquera morto de fame dunha política opuesta, non o quitarei jamás en la vida».
Velaí a nai do año: os roxos somos «uns mortos de fame» e a nosa opinión nada vale. El sabe que a xente de Arteixo Futuro —moitos con títulos universitarios— non son «uns mortos de fame», pero díllelo para descualificalos do xeito máis ferinte. Alguén debería explicar a este home que, mortos e enterrados Franco, o nacionalcatolicismo e a fe por decreto, xa non hai «cristianos fachas por la gracia de Dios». Coa Biblia na man non pode habelos. O Antigo Testamento recorda máis de cen veces a obriga de axudar e protexer os pobres, sobre todo viúvas, orfos e inmigrantes. E Xesús, no Novo Testamento, nin che conto. Claro que teólogos de extrema dereita recordan que «a peor pobreza é a espiritual» e que «non só de pan vive o home». E publícano en prensa de orientación católica.