Crises na Universidade da Coruña

Ricardo García Mira CATEDRÁTICO DE PSICOLOXÍA SOCIAL NA UNIVERSIDADE DA CORUÑA. MEMBRO DO CONSELLO DE GOBERNO DA UDC ENTRE 2023 E 2026

OPINIÓN

O campus da Universidade da Coruña acolle a miles de alumnos cada ano
O campus da Universidade da Coruña acolle a miles de alumnos cada ano MARCOS MÍGUEZ

A auditoría sobre a situación económica da Universidade da Coruña supón un punto de inflexión. Xa non falamos só de dificultades financeiras, senón dunha crise de gobernanza e de transparencia. A constatación dun déficit próximo aos 19 millóns de euros obriga a preguntarse non só como se chegou ata aquí, senón tamén qué información recibiron realmente os órganos de goberno da universidade.

Hai apenas unhas semanas dimitían cinco membros do equipo de goberno, incluída a xerente. Un relevo de tal magnitude dificilmente pode interpretarse como unha simple reorganización interna. Hoxe, á luz da auditoría, aqueles cambios parecen reflectir unha crise moito máis severa. Durante os últimos tres anos, representantes universitarios denunciamos que descoñecíamos a verdadeira dimensión da situación económica. A auditoría, agora referida por este xornal, confirma un escenario moito máis grave do que se trasladara con anterioridade. Aínda máis, do escenario negado a esta representación por quen entregou o mando con engano ao actual reitor. Se quen debía exercer funcións de supervisión non dispuxo de toda a información, ou dispuxo de información falsa, o problema xa non é unicamente financeiro: afecta directamente á calidade do goberno universitario, sen descartar unha posible actuación fraudulenta.

Especialmente preocupante resulta a decisión de manter a auditoría baixo segredo, impedindo que o claustro e outros órganos de representación coñezan un documento que analiza a xestión de recursos públicos. Máis alá da cobertura xurídica que puidese invocarse, politicamente é unha decisión difícil de entender. A transparencia non pode converterse nunha concesión do goberno universitario, senón que constitúe unha obriga cara a quen representa á comunidade universitaria. A isto súmanse as críticas, recollidas pola propia información xornalística, sobre unha posible «maquillaxe contable» ou unha presentación das cifras que tería minimizado a gravidade da situación. Corresponderalle a quen proceda determinar o alcance desas afirmacións, pero resulta evidente que existe unha importante diferenza entre a imaxe transmitida durante meses e a realidade que reflicte a auditoría. Hai uns días reclamabamos nestas mesmas páxinas responsabilidades, transparencia e unha investigación independente. A auditoría parece dar a razón a quen advertía de que a crise non era só económica, senón tamén institucional.

A UDC necesita algo máis que cambios de nomes. Necesita explicar cando se coñeceu a verdadeira situación, quen dispoñía desa información, qué se comunicou aos representantes universitarios e por qué a comunidade coñeceu aspectos esenciais a través da prensa antes que polos cauces institucionais. En definitiva, en qué se gastaron eses fondos. Porque o maior déficit que hoxe revela esta crise pode non ser unicamente o económico, senón o de confianza que provoca a opacidade nunha institución pública chamada a ser exemplo de transparencia e rendición de contas.