Sorprendido con agrado pola escolma de La Voz de Galicia de artigos e articulistas senlleiros para entendermos Galicia, prendeu o meu interese en dous deles que manteñen unha firme actualidade. O de Augusto Assía Sobre el idioma gallego, de 1967, e mais o de Isaac Díaz Pardo O retorno de Castelao, de 1984.
Mentres Isaac fai un chamamento para celebrar un Castelao de todos cando se lle reciba na Lavacolla, láiase de como se fixeron as cousas para ese retorno. Díaz Pardo era home de entendementos e de conviccións, e non gustou daquel retorno. No artigo adiantou claves do que se viu na celebración do Ano Castelao, instituído pola Xunta no 75 cabodano do seu pasamento, conmemoración que se estendeu a este ano coa exposición no Museo de Pontevedra do cadro A derradeira lección do mestre, un fío de dignidade coa súa orixe nunha escena do álbum Galicia mártir. E aquí segue Castelao, utilizado tal como adiantou Díaz Pardo, e reinterpretado o Alba de groria, aquel testamento político de 1948.
O idioma galego segue na retesía política. Primeiro houbo a lei de normalización aprobada por unanimidade do Parlamento en tempos do presidente Albor, e de Piñeiro, Casares e Nogueira. Despois veu Galicia Bilingüe, e de aí, no 2010, pasouse ao plurilingüismo do presidente Feijoo. Ata que no 2023 unha enquisa daquel Instituto Galego de Estatística deu aviso e puxo na axenda das responsabilidades políticas a situación do galego. Problemas que se adiantaran no Informe dramático sobre a lingua galega de Xesús Alonso Montero e na Historia social da lingua galega de Henrique Monteagudo.
Nese entender Galicia que nos propón La Voz, recupérase un artigo de reivindicación do galego que Augusto Assía publica en 1967, e que o réxime multou por atentar contra a unidade da patria: «Los gallegos y las autoridades en Galicia mediten seriamente sobre el hecho de que un idioma —el gallego— sea usado como un hierro para marcar la servidumbre y otro —el castellano— como un plumaje con el que adornar falsas pretensiones y superioridades». Unha reflexión parella á de Socorro Venegas agora en Leche de silencio, onde ten por linguas secretas aquelas «nas que o racismo gañou para que os falantes de linguas orixinarias [americanas] as escondan para non seren pouco estimados».
A enquisa de 2023 alentou un movemento de responsabilidade social que tamén dirixiu a ollada cara á Xunta e a súa política lingüística. Agora o presidente do Parlamento de Galicia, ante o apóstolo, chama «á concordia e unidade cun pacto que nos comprometa a todos coa nosa lingua». Que xa se verá. Porque as linguas, social e politicamente, non deben de ser abandonadas nin depreciadas. Outra cousa é que a súa diversidade estea en perigo. Un traballo recente en Science sostén que a metade das 7.500 linguas vivas están ameazadas, e cando menos catro se extinguen cada ano. Aquí e agora todo o que pase é cousa de galegos. Os que se din do si e aos que alcuman do non.