O país arde, pero o que importa é o fútbol

Isabel Calvete AXENTE AMBIENTAL

OPINIÓN

Un árbol es pasto de las llamas en el término de Albendiego, a causa del incendio que se inició en La Mierla (Guadalajara).
Un árbol es pasto de las llamas en el término de Albendiego, a causa del incendio que se inició en La Mierla (Guadalajara). Ana Beltran | REUTERS

Non deixa de ser curioso... e desacougante. Vivimos nunha sociedade, non sei nin como definila, totalmente individualista? Dispersa? Ilusa? É difícil saber exactamente o que somos e o que estamos construíndo. Por un partido de fútbol paralizamos o país, saímos á rúa e celebramos coma se non houbera un mañá, ou coma se realmente nós gañaramos algo (con isto non pretendo quitar a alegría a ninguén nin o mérito que poida existir en todo isto, é fundamental, sempre, respectar as opinións e os gustos de todo o mundo), e mentres, medio país está en chamas. Miles de persoas desaloxadas, tremendo de medo porque o están perdendo todo, campos, granxas, bosques...todo calcinado, totalmente arrasado. Miles e miles de hectáreas en lapas e sen poder facer nada por paralo. Porque non se pode. Xa sabemos que todo o mundo entende de incendios pero, en serio, cando se di que non se pode, é que non se pode ( fóra de capacidade de extinción, para ser exactas). Cando puidemos facer algo, non o fixemos, negamos durante anos o cambio climático, conscientemente, claro; negar un problema sempre funcionou como escusa para que non fora necesario atopar unha solución, non hai problema, non se precisa solución, e segue a funcionar. Pois veña. Imos cruzar os dedos, que é o único que realmente podemos facer agora, para que Galicia non volva a arder, coma o verán pasado, ou calquera dos anteriores. E para que o resto do país tampouco se queime máis. Acabamos de empezar a campaña, cun pouco de sorte e se nos concentramos, igual esta campaña libramos do desastre. Pero os nosos veciños, non libraron, os de León fai uns días, os de Almería, os de Aragón, Guadalajara, Picos de Europa, Pirineos... a lista non acaba, aínda non, e non vai rematar axiña. Non pasa nada. O que importa é o fútbol. E para cando as medallas a todas as compañeiras e compañeiros que loitan incansablemente contra o lume? Que arriscan a súa vida (literalmente) tódolos días por intentar salvar algo? Elas e eles non son famosos, non gañan millóns, non son influencers. Elas e eles voltan para as súas casas a descansar un ratiño e poder seguir loitando mañá e pasado e o día despois, un ratiño para ver aos seus e para que os seus estean tranquilos un anaco porque os teñen na casa e están ben, porque o lume non respecta nada e o saben. Son do exclusivo grupo que ten o privilexio de que co primeiro incendio forestal grave ou coa primeira vítima mortal dun lume, se lles instala un nó na boca do estómago que está alí ata que chega o inverno.

O país en chamas e as noticias pasan de esguello polo tema, ante tanta alegría pola vitoria no ditoso fútbol, como se vai embazar cunha imaxe devastadora e absolutamente terrorífica do que está acontecendo? A ninguén se lle ocorre. O que importa é o fútbol. (Forza e moito coidado no lume, para todas e todos os que realmente fan grande este país).