O fútbol

Cartas al director
Cartas al director CARTAS AL DIRECTOR

OPINIÓN

Los jugadores de la selección, en la rúa de celebración del Mundial.
Los jugadores de la selección, en la rúa de celebración del Mundial. Ballesteros | EFE

O fútbol naceu na rúa: nos barrios obreiros, nos descampados, entre rapaces que improvisaban porterías con dúas pedras. Naceu como o deporte do pobo.

Co tempo intentaron convertelo noutra cousa: entradas imposibles, estadios pensados cada vez máis para famosos e millonarios, e espectáculos que pouco teñen que ver coa esencia deste deporte.

Por iso foi tan significativo o xesto de Borja Iglesias, que compartiu o prezo das entradas para a final e escribiu unha soa palabra: «Vergüenza». Fíxoo sendo protagonista desa final, demostrando que aínda hai futbolistas que non esquecen para quen se xoga.

E entón bota a rodar o balón... e o fútbol volve poñer as cousas no seu sitio.

O título acaba en mans dunha selección liderada por Lamine Yamal, un rapaz criado nun barrio humilde, e na que tamén destaca Nico Williams, fillo dunha familia que chegou a España buscando un futuro mellor. Dous xogadores que nunca renunciaron ás súas raíces.

Pódese converter o fútbol nun negocio, poñer prezos inalcanzables e transformar unha final nun produto de luxo. Pero o balón segue representando algo que o diñeiro non pode comprar: talento, sacrificio, esforzo e emoción.

E hai tamén un simbolismo político imposible de ignorar. España, nun contexto de gran solidariedade co pobo palestino, derrota a Arxentina de Milei nos Estados Unidos de Trump. Cada quen fará a súa lectura.

Eu quedo co orgullo dunha selección que representa unha España diversa, mestiza, traballadora e filla da inmigración. Unha España que non esquece as súas raíces. Poderán converter o fútbol nun negocio. Pero mentres o balón siga rodando, sempre haberá algo que non poderán mercar. Sergio Álvarez. Bruselas.

 

 Un galego en Nueva York

A fortuna quixo regalarme dous sinais de identidade que comparto co presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán Abal: levar por apelido Abal e ter nacido en Ribadumia, á beira dese Umia que nos ensinou que as raíces non atan, senon que sosteñen. E que só quen as conserva pode chegar tan lonxe como o leven os seus soños.

A recente vitoria da selección española merece un aplauso para os xogadores e o corpo técnico, pero tamén o recoñecemento a quen, desde a presidencia da federación, soubo exercer un liderado baseado no diálogo, na capacidade de comunicar e na procura de consensos. Nun mundo como o do fútbol, onde con frecuencia prevalecen o ruído e a confrontación, esas virtudes son tan valiosas como pouco habituais.

Quizais algo teña que ver a terra que nos viu nacer e quero crer que tamén o berce Abal. Hai ríos que levan auga ao mar e outros que tamén deixan unha maneira de mirar o mundo. O Umia non fai ruído ao seu paso; limítase a debuxar, con paciencia, a paisaxe e a memoria dos que medramos nas súas beiras e dos que xa non están pero que tanto nos ensinaron. Tareixa Abal Santorum. Ribadumia.