O incendio comeza moito antes que o lume

Ricardo Garcia Mira CATEDRÁTICO DE PSICOLOXÍA SOCIAL DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

OPINIÓN

Incendio en la zona de Nande, Laxe, en la madrugada del sábado al domingo
Incendio en la zona de Nande, Laxe, en la madrugada del sábado al domingo ANA GARCÍA

Cada verán falamos dos incendios cando xa hai lapas. Porén, a investigación leva anos demostrando que o lume non é só un problema de extinción, senón de xestión do territorio e de gobernanza. O cambio climático incrementa o risco, pero a vulnerabilidade tamén nace do abandono do rural, da fragmentación da propiedade e da falta dunha acción colectiva sostida.

Hai máis dunha década defendíamos que a prevención debía asentarse sobre tres piares: responsabilidade compartida, participación cidadá e cooperación entre administracións, persoas propietarias e comunidades locais. Hoxe esa visión resulta máis necesaria ca nunca.

Por iso ten un especial valor a iniciativa presentada esta fin de semana en Camariñas pola Asociación Forestal de Xestión Conxunta A Croa, entidade sen ánimo de lucro. Máis alá da súa dimensión forestal, representa un modelo de gobernanza que reuniu esta fin de semana á consellería, ao Concello de Camariñas, á Fundación Juana de Vega, a científicos da universidade, ás persoas propietarias, outros axentes sociais e á propia cidadanía arredor dun obxectivo común: coidar o territorio antes de que chegue o lume. Esa suma de vontades demostra que a prevención non depende unicamente dos medios de extinción, senón da capacidade para construír acordos, xerar confianza e asumir unha responsabilidade compartida.

Os grandes incendios do século XXI lembran que non abondan máis recursos para apagar o lume. Precisamos sociedades capaces de xestionar activamente as súas paisaxes. A mellor política forestal comeza moito antes do verán e moito antes da primeira columna de fume. Comeza cando entendemos que protexer o monte é unha tarefa colectiva.