Dos mundos e das palabras que se foron

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

OPINIÓN

As festas labregas folclorizan un xeito de vida recente (na imaxe, última Festa Labrega de Meis).
As festas labregas folclorizan un xeito de vida recente (na imaxe, última Festa Labrega de Meis). MONICA IRAGO

Identifiqueime con Balbino, como lles pasou a miles de rapaces das aldeas; os balbinos, sempre opostos aos manolitos que, tamén aquí, vivían na vila e falaban castelán

21 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Alá polo 1973 lin Memorias dun neno labrego, realmente un longseller —libro que se vende durante moito tempo— porque segundo Xesús Alonso Montero é «a obra máis lida da literatura galega». Editado en Bos Aires en 1961, recolle unha especie de diario de Balbino, un neno rural. Dixo Neira Vilas que non era biográfico. Non o creo. O éxito desta obra vén da man de mestres anónimos que fixeron dela lectura escolar obrigatoria, os primeiros Xesús Alonso Montero ou Antía Cal. O exemplar que lin era de Edicións do Castro, non de Galaxia. Nesa época, antes da normativización, os libros editados en galego andaban polo medio cento ao ano; non como hoxe, cando un dos graves problemas do galego e das editoriais está no esaxerado número de publicacións literarias (?) —non científicas— no noso idioma que, maiormente, deberían queimarse pola falta de calidade, sequera gramatical ou ortográfica.

Memorias dun neno labrego —quedan por escribir as dun neno mariñeiro— sitúase nos anos corenta do século XX. Recordo, vividamente, como me absorbeu esa lectura porque parecía biografía miña: as experiencias e a linguaxe de Balbino eran propias, por moito que pasasen ducias de anos entre o alter ego de Neira Vilas e a miña infancia. Daquela o mundo non corría tan rápido como agora e o xeito de vida de corenta, cincuenta ou cen anos atrás quedara como encapsulado. Identifiqueime con Balbino, como lles pasou a miles de rapaces das aldeas; os balbinos, sempre opostos aos manolitos que, tamén aquí, vivían na vila e falaban castelán. Aquel mundo de balbinos desapareceu e agora folclorízase e preténdese debuxalo como unha especie de Arcadia feliz, mentres, por certo, os manolitos aumentan. As condicións materiais de vida actuais son mellores, e, ben seguro, non sei se volverán producirse cambios tan drásticos nun período tan breve. Boto de menos a xente daquela, que levarei na memoria para sempre, e as palabras. Á xente, con tristura, porque despois de tanta loita e traballo non gozasen os cambios; as dificultades sufridas por eles estaban fóra do seu tempo: cando en Europa se gozaba da democracia, con estruturas e servizos públicos moi parellos aos nosos de hoxe, eles loitaban nun ambiente cheo de atrancos. Duro.

Nas aldeas, as únicas vantaxes sociais eran a axuda mutua e coñecerse polo miúdo, saber da personalidade de cadaquén e das súas vivencias. Lembro tardes de frío co gando solto polos Campos da Muiñeira, acosando a preguntas sobre a Guerra Civil a un vello soldado nacional, que moi de cando en cando contaba algo. Porque na escola, o mestre remitíanos aos panexíricos das últimas páxinas das Enciclopedias Álvarez. E este soldado vello dicíanos, sen moita explicacións e para non escandalizar, que non todo fora así. Dunha volta, moi críptico, afirmou apoiado na vara das vacas, que o que non valía contra a guerra era rezar nin confesar. Tamén lembro as palabras empregadas, que describían pobreza nesa altura do século pero eran testemuño dunha cultura milenaria que permanecera viva ata ben entrados os anos setenta. Ás veces véñenme á cabeza algunhas, que os mozos nin se imaxinan a que se refiren. Por dicir: non saben o que é un suco, nin que se facía cun cabestro nun carro de toxo, nin sentirán nunca o tacto da parte do xugo entre o cancil.

Falando disto último, recordo discutir cun compañeiro de escola, de casa de labranza, que dicía que meu pai, carpinteiro, nunca sería capaz de conseguir tanta suavidade en ningunha madeira como a que provocaban as vacas no xugo entre o cancil. Porfieille, porque na carpintería mercaran unha lixadora eléctrica de disco Bosch. O meu compañeiro dicía que era imposible facer algo tan suave. Fun comprobalo. Igual el tiña algo de razón, pero a lixadora era tan moderna.