Dos desfiles militares

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE / LA VOZ

OPINIÓN

Imaxe dun dos actos celebrados en Vigo
Imaxe dun dos actos celebrados en Vigo XOÁN CARLOS GIL

Estes días voaron por riba da nosa ría avións en formación facendo espectáculo, ruído e gasto. E esta fin de semana houbo polas rúas de Vigo un desfile militar no que soldados uniformados e aparellos de matar das máis diversas fasquías —mísiles, tanques, canóns— ocuparon espazos cívicos para seren observados por miles de cidadáns, familias con nenos —debería estar prohibida a asistencia de menores—, moitos deles envoltos en bandeiras de España.

Este Día das Forzas Armadas debería ser algo anormal na vida cidadá. Trátase de que un grupo de funcionarios [sic] do Estado militariza espazos públicos. Sucede ao que se denominou Desfile da Vitoria durante o réxime de Franco, que, precisamente, se celebraba cada 30 de maio e antes o 1 de abril. O Exército español é un dos poderes reais ad intra que nin a transición política nin a Constitución modificaron.

O rei, herdeiro do xeneral Franco, mantense, como mando supremo dunhas Forzas Armadas que, na altura, tiñan que ser só un corpo técnico do Estado. Cos desfiles provócase unha posta en escena de diversos tipos de símbolos e unha diferenciación entre participantes e autoridades —habitualmente nun palco— e espectadores para que quede clariña a diferenza entre poder e gobernados. E, por outra banda, inciden en que se perciba ao mundo militar como persoas alleas á sociedade. A ninguén se lle ocorrería argallar un desfile de médicos, mestres, xuíces ou avogados do Estado.

Ben é certo que para o Exército español a entrada na OTAN axudou a homologar a mentalidade da milicia, que aprendeu que quen rexe a Administración militar é o poder civil, como no resto de Occidente. Nese senso, foron pasos positivos a creación dun Ministerio de Defensa —antes había un de Guerra, outro da Mariña e un terceiro do Aire—, a designación de civís ao fronte dese ministerio, a incorporación das mulleres e, en fin, a profesionalización das Forzas Armadas.

Un desfile dun Exército español que desde o século XVI ten esquecida calquera cuestión relacionada co prestixio e, máis ultimamente, coas derrotas en Cuba e Filipinas, co desastre de Annual e, sobre todo, coa Guerra Civil de 1936, alzado contra a cidadanía. Menos mal que, aos poucos, vai avanzando como coa UME ou algunha misión internacional. Nestes desfiles é rechamante a intervención das denominadas unidades de Regulares e da Lexión que sempre se deixan para o remate e resultan as máis aplaudidas. Os Regulares, uniformados con complementos de tradición marroquí, derrotados polas tribos do Rif e os lexionarios con camisa aberta e pantalóns axustados, foron o núcleo das forzas franquistas que levaron a cabo masacres contra a poboación durante a Guerra Civil, comandadas por xenerais, máis entremetidos na política que profesionais, e represores da cidadanía como Sanjurjo, Franco, Mola —escribiu que o Exército tiña que «crear una atmósfera de terror eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todo el que no piense como nosotros y todo el que sea abierta o secretamente defensor del Frente Popular debe ser fusilado»—, Yagüe, Millán Astray ou Varela.

Os espectadores dos desfiles, que tristeza, aplauden á Lexión e á súa cabuxa e aos Regulares e ás súas capas moras e aldraxan e asubían aos membros do Goberno democrático. A xente non ve nestes desfiles unha subordinación das Forzas Armadas á orde democrática, e traduce que non houbo ruptura do mundo militar co franquismo. Ese pasado de brutal represión das tropas africanistas, non debería volver ser posto en escena polas rúas de ningunha cidade, se non queremos pensar que o Exército segue a ser unha espada de Damocles para a orde democrática. E que as súas vítimas están esquecidas. Ademais, como se lles explica aos nenos que asistan aos desfiles, que o que se exhibe é maquinaria para destruír e matar? Unha obscenidade.