Esta semana ingresou na Real Academia Galega de Ciencias Gumersindo Feijóo, un referente na ciencia da sustentabilidade: aquel desenvolvemento que non compromete o medio ambiente. No seu discurso sinalou a curta historia que ten esta área de traballo. De feito, o propio concepto de medio ambiente (as condicións ou entorno no que unha persoa ou cousa vive) non se empezou a usar ata principios do século XIX (Charles Dickens popularizouno na súa famosa novela Oliver Twist). A Real Academia Española foi das primeiras en incorporalo en 1932. O concepto de sustentabilidade non se fixou ata a década de 1980.
Pero, na práctica, a primeira acción lexislativa medioambiental non chegou ata 1956, no Reino Unido, coa súa lei de aire limpo: unha reacción do Goberno ante a enorme crise de contaminación do aire que padecera Londres en 1952, e que levara á morte de máis de 10.000 persoas.
No eido científico, o primeiro modelo climático moderno non chegou ata 1966, da man de Syukuro Manabe (Premio Nobel de Física 2021), que puido cuantificar os efectos que os gases de efecto invernadoiro teñen sobre o quecemento global. Nese contexto, James Lovelock (gañador do galego Premio Fonseca no 2009) formulou a hipótese Gaia en 1969, un dos puntos fundacionais do ecoloxismo, que considera o noso planeta un sistema que se autorregula coa vida que o habita.
Cando vexo o vaso medio baleiro na defensa do noso planeta, para velo medio cheo procuro lembrar o recente que é a conciencia ambientalista e o rápido que avanzou no último medio século.