Profecías políticas

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

En xaneiro de 1980, o xornalista Julio Merino entrevistou ao presidente da Generalitat Josep Tarradellas e, ao lle pedir a súa opinión sobre Jordi Pujol —que sería con toda seguridade o seu sucesor—, o molt honorable púxose en pé, apoiou as mans na mesa e dixo solemnemente: «Señor Merino, yo de enanos corruptos no hablo». E volveu sentar. A Merino deulle un pasmo e tatexou: «President, me ha dejado de piedra. ¿Jordi Pujol corrupto?». Tarradellas preguntoulle se oíra falar de Banca Catalana e, como o xornalista recoñeceu que só rumores, sacou do caixón da mesa unha carpeta e con ela na man díxolle: «Esto no son rumores, esto son hechos… Esa banca será la tumba política del señor Pujol… Y puede que algo más el día que las cosas lleguen a manos de los jueces. Veinte mil millones desaparecidos son muchos millones y los primeros responsables son la familia Pujol».

O xornalista, abraiado, quixo saber que pasaría e Tarradellas explicoullo: «Mire, amigo mío; este hombre en cuanto estalle el escándalo de su banco se liará la estelada a su cuerpo y se hará víctima del centralismo de Madrid… Ya lo estoy viendo: Catalans, España nos roba… No nos dan ni la mitad de lo que nosotros les damos y además pisotean nuestra lengua… Catalans, visca Catalunya!».

Tarradellas acertou en parte. En 1982, o Banco de España interveu a entidade catalán por débedas que superaban os 130.000 millóns de pesetas; en 1984, a Fiscalía presentou unha querela contra vinte e cinco ex altos cargos por presunta estafa, apropiación indebida e falsidade; e Pujol, que días antes gañara as eleccións con maioría absoluta, fixo e dixo o que Tarradellas anunciara: presentou a querela como unha persecución política contra a súa persoa e, ante unha manifestación multitudinaria que berraba «Som una nació» e «Pujol, president», largou un discurso tan agresivo como demagóxico: «O Goberno de Madrid fixo unha xogada indigna e a partir de agora cando se fale de ética, de moral e de xogo limpo, poderemos falar nós, pero non eles».

Tarradellas errou ao afirmar que Banca Catalana sería a tumba política de Pujol, porque a dereita española o apoiou e en 1985 o xornal Abc nomeouno —non é broma— Español del Año. Había que combater o felipismo e nesa tarefa o honorable era moi importante. A causa da Banca Catalana arquivouse en 1986. No que Tarradellas acertou de cheo foi ao advertir de que Pujol dividiría a sociedade catalán e ao entrever que a culminación da súa política sería o procés.

A min o de profetizar dáseme bastante ben. No artigo anterior tratei da conmoción no PSOE antes que estoupara o caso Zapatero, e hoxe afirmo que o xuízo contra ZP non tardará doce anos coma o de Pujol polos cartiños que papá Florenci gardara en Andorra.