A celebración da obra de Begoña Caamaño permitiunos este ano falar dos mitos e a súa vixencia, do papel da materia de Bretaña na nosa cultura, de feminismo e reivindicación, de xornalismo libre e comprometido. Mais a semblanza da súa personalidade, que se trazou con especial intensidade polo feito de estaren vivas tantas persoas que a quixeron, debuxou con nitidez unha existencia marcada por dúas cualidades que poden semellar contraditorias. Salientouse dela a capacidade para ler e interpretar o mundo, para comprender as súas estruturas de poder e, daquela, as inxustizas; mais, ao tempo, afirmouse que a alegría a definía, esa alegría que se plasma no sorriso franco e vibrante das súas fotografías.
Circe ou o pracer do azul non sería posible sen esas dúas cualidades: a lucidez para comprender os mecanismos do patriarcado, para desvelalo desde a reescrita e a intertextualidade; a felicidade para albiscar un futuro posible diferente. Nesta novela replícase a viaxe do heroe que tan ben describiu Joseph Campbell, o heroe que parte do reino inicial e, tras mil vicisitudes, retorna traendo algo valioso para o colectivo. Con que retorna o Ulises de Circe a Ítaca? Reaparece insistentemente, especialmente cara ao final, a expresión «o novo Ulises», porque o que trae consigo é un novo home. No diálogo entre Circe e Penélope, ambas atopan dificultade en comprender os sentimentos da outra cara a Ulises, comprensión que só se acada cando Penélope racha finalmente o silencio e desvela a razón da súa carraxe: é o seu un Ulises que encarna o vello home, insensible, conquistador, brutal e violento, un Ulises que Circe non podería amar. Cando Ulises parte da illa de Eea, a maga arríncalle un xuramento: que ha de amar e respectar a Circe que habita en cada unha das mulleres. «Nada sabía eu, necio e arrogante heroe», di Ulises de si mesmo no momento da partida.
Begoña Caamaño deu así expresión literaria ao que dende o feminismo se deu en chamar «novas masculinidades». Un futuro en igualdade require da construción dun novo home: feminista, compañeiro, cómplice. Malia a despedida, Circe afirma que a súa alma está «enchoupada de húmida ledicia e orballante felicidade», porque a esperanza é para ela unha certeza. Velaí quizais o segredo desa conxunción de cualidades tan singular de Begoña Caamaño, a lucidez e a felicidade. Que precisas nos son non só para o feminismo, tamén para a lingua: comprender a gravidade da situación e, asemade, imaxinar e construír un futuro posible e vibrante.