A crise sanitaria e social

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Los turistas del MV Hondius esperan en el muelle de Granadilla (Canarias) tras ser desembarcados del crucero.
Los turistas del MV Hondius esperan en el muelle de Granadilla (Canarias) tras ser desembarcados del crucero. Borja Suarez | REUTERS

As crises sanitarias non só poñen a proba os hospitais, tamén retratan un país, a súa capacidade de coordinación, de serenidade e, sobre todo, de transmitir confianza á cidadanía, pero co asunto do hantavirus estamos ofrecendo un espectáculo pouco tranquilizador.

Unha ministra fala de corentenas voluntarias, outra de medidas obrigatorias, os gobernos autonómicos critican ao central, a oposición aproveita para converter o medo nunha arma política máis e... a xente observa todo isto mentres se pregunta canto deberiamos preocuparnos.

Se a mensaxe cambia cada poucas horas, o problema xa non é só sanitario, senón social, pois créase inseguridade, dúbidas e desconfianza.

De súpeto, un barco convértese nunha ameaza apocalíptica. Pero tanta diferenza hai entre trasladar aos posibles doentes en barca e logo en avión, ou facelos pisar terra directamente cun protocolo sanitario serio detrás? Somos ou non somos un país preparado para illar unha enfermidade? Temos medios ou non os temos? Se a resposta é si, e quero pensar que o é, entón o que falla non é a medicina, senón a política.

Non me preocupa a imaxe internacional de España, senón a sensación de improvisación permanente, a incapacidade de sentar, aínda diante dunha pantalla, para acordar medidas comúns e defendelas todos á vez. Co fácil que sería transmitir calma, prudencia e unidade!

Pero non. Escollemos outra vez o ruído, a disputa constante. E mentres eles pelexan diante dos micrófonos, a sociedade dubida de quen debería protexela.