Ruído político, ruído mediático

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Un manifestante sostiene una bandera durante una protesta contra la llegada del crucero MV Hondius, en Santa Cruz de Tenerife.
Un manifestante sostiene una bandera durante una protesta contra la llegada del crucero MV Hondius, en Santa Cruz de Tenerife. Hannah McKay | REUTERS

Tamén ruído informativo, que atorda, confunde, enxorda, narcotiza… Tal é a sensación que vive a cidadanía, asoballada pola gran máquina do poder, dos moitos e variados poderes que actúan ao servizo de intereses particulares, non do interese común, que é o espazo público, cada vez máis castigado. Hai anos comentei un libro que aínda considero estimulante: La nueva Edad Media (Alianza Editorial), catro ensaios de Umberto Eco, Furio Colombo, Francesco Alberoni e Giuseppe Sacco, nos que presentaban, na entrada do novo século, o horizonte político das democracias occidentais, condicionadas pola concentración de poder das corporacións, no marco da globalización. A aldea global da que falaba MacLuhan ao principios dos 60 e que parece un tópico, pero está aquí.

 

E neste mundo aparentemente superinformado, no que todo o que sucede parece que chega a nós en décimas de segundo e todos podemos opinar de todo, nunca fomos tan fráxiles, tan vulnerables, case atrévome a dicir que nunca estivemos tan desinformados. Sabemos realmente o que sucede? De quen nos podemos fiar? Nunca o xornalismo, o auténtico xornalismo, o que contrasta as fontes e comproba os datos, o que entende a información coma un servizo á cidadanía, non coma un negocio privado, nunca ese xornalismo foi tan necesario e, non obstante, nunca foi tan difícil: intereses políticos, intereses económicos, intereses persoais, egos e miserias as máis das veces…

Acabo de ler o último libro de Yanis Varoufakis, Tecnofeudalismo, no que describe o novo tempo despois do capitalismo: mandan as grandes corporacións, que controlan mesmo o aire que respiramos, e manda o espectáculo, ao servizo do consumo de audiencias. A información deixou de ser información e mudou nunha especie de circo de orates, profetas, animadores mediáticos, contertulios ben pagados que pontifican tarde e noite sobre o tempo e a circunstancia, avivados cando non financiados polos novos amos, os propietarios que xestionan o espectáculo. Velaí o que está a pasar co hantavirus, que ocupa a prime time das televisións, a ver quen axita máis as audiencias. E o escandaloso oportunismo político, como aquel pobre desgraciado que vivía das migallas que caían da mesa do rico Epulón. Ao final a culpa sempre é do presidente Sánchez. Seguir algúns debates televisivos dá vergonza. Todo o mundo sabe de todo, cada quen arrimando a ascua á súa sardiña. Quen pensa no servizo público? Non haberá xeito de que alguén deite unha ponte de cordura para que poidamos recuperar algo de credibilidade no sistema? O ruído é atronador. Mañá, tarde e noite: nos aparatos de radio, nas plataformas, nas redes sociais, apenas se libran uns poucos... Quen máis berra ou máis cisca disparates máis reclama para si a razón. Na facultade de xornalismo non ensinamos estas cousas.