Viaxar a outro país para provocar é unha habilidade peculiar. Require tempo, cartos públicos e nula intención de tender pontes. Isabel Díaz Ayuso decidiu render homenaxe a Hernán Cortés en México e sacudiu a política do país anfitrión. Desde alí preguntan a que foi. Cando un representante político cruza o océano agárdase certa diplomacia, non a necesidade constante de entrar en combate.
Mentres, o seu director de gabinete tiña cita nos xulgados. O asunto semella escrito por un guionista retranqueiro: datos persoais de xornalistas difundidos publicamente, versións que cambian e unha cadea de transmisión digna dun xogo infantil. Envioullo un veciño, logo o veciño envioullo á parella da presidenta, despois chegou a el... Eu perdinme polo medio, pero os datos acabaron onde el quería: expostos.
Aquí tampouco imos faltos de surrealismo. Koldo, Ábalos e Aldama xogan ás agachadas con cartos, versións e silencios. Quen lle deu que a quen, quen sabía que, quen é o famoso número un… Unha novela policial na que cada capítulo contradí o anterior, un quebracabezas ao que lle faltan pezas.
Nin sorprende, afeitos a políticos especializados en confrontar, ministros desmentíndose, crises sanitarias e escándalos que duran o que tarda en aparecer o seguinte. Todo á vez, mesturado, convertido nun enorme lenzo de brochadas caóticas. E velaquí o cadro final: provocación internacional, pingas de filtracións, manchas de corrupción e moitísima crispación. Un auténtico mural contemporáneo listo para exposición.