Expulsemos a violencia no fútbol

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Incidentes en el derbi aragonés de fútbol entre el Huesca y el Zaragoza.
Incidentes en el derbi aragonés de fútbol entre el Huesca y el Zaragoza. LaLiga | EUROPAPRESS

O que pasou no chamado derbi aragonés non é fútbol. Debemos expresalo así, sen rodeos. Nos últimos minutos, coa tensión propia de dous equipos xogándose moito, todo estoupou: empurróns, lea e, finalmente, unha puñada brutal. A partir de aí, caos, expulsións e unha imaxe vergoñenta que dá a volta a Europa.

Sempre facemos o mesmo: sancións, partidos de suspensión, multas… e listo. Como se abondase, como se a violencia fose un pequeno exceso puntual e non unha liña vermella que xa se cruzou.

Cando un xogador deixa de competir para comezar a agredir, o partido xa non existe, o deporte desaparece. O espectáculo, que tanto pulo ten neste deporte, xa non é o xogo, senón a violencia.

O encontro debera terse suspendido nese mesmo instante. Resultado conxelado e todos para casa. Se non saben xogar, non se xoga. Así de sinxelo, como o diría unha nai educando un cativo. Ao permitir que o partido continúe despois dunha agresión, lanzamos unha mensaxe perigosa: todo forma parte do xogo. E non, non forma parte de nada.

O fútbol é tensión, rivalidade, paixón... si! Pero tamén é control, respecto e límites. Se desaparecen, non hai partido que salvar.

E o peor é ese espectáculo que mal educa. Logo preguntámonos por que nas categorías base se repiten escenas semellantes. Pois porque aprenden! Miramos, observamos e normalizamos o que non o é.

Non abonda con castigar despois, é moito máis efectivo actuar no momento: cortar, parar, expulsar a brutalidade do campo. Se non saben xogar, que non xoguen.