«Fala, cornetiño, que non teño oído». Frases así nacen para o xogo e a retranca infantil, para ese momento no que un neno decide que non quere escoitar. Podería dar risa se quedase aí. Pero ao traspasar a fronteira ao Congreso, o sorriso desaparece e queda a incomodidade da vergoña.
Hai representantes públicos que soben ao estrado, lanzan o seu discurso coma quen deixa caer unha pedra e marchan sen agardar resposta. Non escoitan, non están. O Congreso convértese nun escenario de monólogos, nun eco baleiro onde cadaquén só se escoita a si mesmo. Por se isto non abondase, un deputado decide que o seu tempo está por riba das normas, que a súa voz merece romper a orde establecida. Non se lle concede a palabra e érguese, avanza, encárase. Sobe ata onde non lle corresponde e fala desde a ameaza. Non é política, senón camorra.
Difícil entender que quen ocupa un escano actúe como se estivese nunha pelexa de rúa. Máis difícil aínda é aceptar a reacción posterior: nin un chisco de autocrítica, nin un xesto de humildade. Só a idea de ser vítima e a xustificación leve de «perdeu os papeis». Normalizar estes comportamentos abre a porta a repetírense, cada vez máis alto, máis agresivos. O Congreso debe ser o lugar do desacordo con palabras, da confrontación con argumentos, do respecto coma punto de partida. Se renunciamos a iso, perdemos moito máis ca as formas. Perdemos o fondo.