Hai discursos que unha escoita coa sensación de estar vendo unha reposición dunha serie que xa tes vista moitas veces e sabendo como vai acabar. O de Alfonso Rueda no debate sobre política xeral foi exactamente iso: un discurso previsible e sen pulso. Moita palabra grande, moita pose institucional, pero pouca substancia. Di que el fai política sólida e autonomismo útil, que o de Altri foi unha manobra política e que hai que baixar os impostos, suxerindo que o resto actuamos en base a dogmas. Escolle bonos en lugar de dereitos, e di que os datos de emprego en Galicia son bos. Nisto ten razón. Pero non foi grazas a el.
Ao final, quedou o de sempre: unha Galicia oficial que vai marabillosamente ben e unha Galicia real que leva tempo preguntándose se vive no mesmo país que describe o presidente. Rueda presentouse no Parlamento coa vella receita do PPdeG: autocompracencia, propaganda e un pouco de vitimismo fronte ao Goberno do Estado, que sempre serve para encher minutos e disimular carencias. O curioso é que leva anos facéndoo, como se a Xunta fose unha Administración decorativa, un adorno sen competencias nin responsabilidade. E o Parlamento, un parlamentiño de cartón. Foi un discurso bastante feo. E non feo no sentido estético, que tamén, senón no sentido político. Feo porque soou a trámite. Aburrido porque non había unha soa idea capaz de ilusionar. E insulso porque, a estas alturas, xa nin sequera a propaganda lles sae tan ben. E tamén algo trapalleiro. O problema é que fóra do Parlamento hai un país bastante menos idílico. Hai comarcas que perden poboación, servizos e oportunidades. Galicia é toda unha zona tensionada, e as medidas en vivenda que propón non solucionan nada.
Houbo dous anuncios que botamos en falta. Si terían sido útiles. Rueda podería anunciar que vai falar con Feijoo e con Tellado para que o PP apoie o real decreto-lei de medidas no alugueiro en resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra de Irán. En Galicia, beneficia a arredor de 50.000 contratos, é dicir, a preto de 120.000 persoas. O segundo anuncio que faltou tiña máis que ver coa honestidade que coa retórica: o cesamento do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. A atención primaria está saturada, as urxencias viven ao límite e hai especialidades nas que conseguir cita semella máis un premio ca un dereito. Hai algo irritante nesa forma de gobernar que consiste en sorrir mentres a realidade se deteriora. Ao final, o máis revelador do discurso foi precisamente a súa previsibilidade. Rueda compareceu para administrar o relato porque nunca quixo mellorar a realidade. Un relato que sabemos como van acabar. Galicia merece máis que un presidente que aburre.