Insultas? Premio!

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

El exalcalde de Noia Santiago Freire, nombrado jefe territorial de la Consellería de Educación en A Coruña.
El exalcalde de Noia Santiago Freire, nombrado jefe territorial de la Consellería de Educación en A Coruña. MARCOS CREO

«A muller é capaz de sangrar sen cortarse; a muller é capaz de dar a luz sen corrente; a muller é capaz de tocar as narices sen achegarse». Tres burradas (que non chistes) seguidas, sen despeitearse, nun acto público. Isto todo dito por un alcalde.

Non houbo erro nin tropezo. O que non faltou tampouco foi intención. Aínda crería que fai graza. Por se ten dúbidas: ningunha!

Logo chegou a explicación, ese recurso tan recorrente: foi un mal momento, unha frase desafortunada, un intento (di el) de expresar admiración. Curiosa maneira de admirar.

O mesmo protagonista foi investigado por gastos desmesurados no seu concello, esnaquizados en decimais demasiado sospeitosos.

Falta un céntimo para os mil euros. Que precisión! Así ata xuntar centos de miles inxustificables. Que fixo o partido? Dar un paso atrás? Nin sequera o abocou ao silencio, esa discreción que ás veces se agradece mentres se poñen as cousas no seu sitio.

O que houbo foi outra cousa: un premio. Nin máis nin menos. Este, en forma de nomeamento. Santiago Freire, o exalcalde que dixo e fixo tales cousas, é agora director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Ironías da vida. Tivo que ser destinado precisamente a Educación. Claro! Porque diso el debe saber moito, a xulgar polos seus actos e palabras.

Xa non é só o que el dixo, é o que se decide despois. Cando se premia deste xeito, o que se transmite vai moito máis alá dun cargo. Nin dignifica nin é edificante.