Cada vez son máis os que cisman que iso de ser bos todos con todos e para que os tomen por parvos e prefieren que os collan cunha metralladora na man
15 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O mundo anda tolo e amargador. E velaí vén, como cada 20 de marzo, o Día da Felicidade. Neste ano —en realidade case sempre— parece impúdico lembrar tal cousa mentres estoupan bombas, asólannos os gastos enerxéticos e, como mínimo, andamos confusos coa situación no orbe, pola presente e pola vindeira. Felicidade é palabra antiga. Vén de felicitas —fortuna, pracer, alegría, fecundidade— e esta deriva de felix —fértil, produtivo—; asóciase cunha raíz indoeuropea que tamén dou outras verbas latinas con significados como fecundar, ganar, chupar, fillo ou felación. Eu entendíaa como un sentimento individual e confirmábamo o dicionario da RAG que di que é un estado, non un intre, de plena satisfacción e pon como sinónimos alegría, dita e ledicia. Pero quizá sexa un sentimento colectivo.
En todo caso non é cousa menor. As relixións buscárona: o cristianismo di que a existencia humana ten como fin a felicidade; o islamismo predica que é o obxectivo último da humanidade; o xudaísmo trátaa como un elemento ao servizo divino; o hinduísmo propona como obxectivo da vida e o budismo matina que hai que liberarse do sufrimento material para chegar ao nirvana, nin máis nin menos que o estado de felicidade suprema de quen se conduce de xeito virtuoso. Os pensadores debateron desde os inicios da civilización sobre esta idea e, entre os actuais, María Zambrano ata introduce a poesía e reflexiona que a felicidade precisa esperanza, imaxinación, liberdade, sabedoría. Simone Weil pensaba que será imposible ser feliz se non se atende e axuda aos demais. A pexa é que as dúas coinciden en que para alcanzar a felicidade temos que ser intelixentes, e iso tenche o seu aquel.
En 1972 o soberano de Bután instaurou como indicador da calidade de vida o índice da Felicidade Nacional Bruta, baseado no desenvolvemento socioeconómico sostible e igualitario, a preservación dos valores culturais, a conservación da Natureza e o rexerse por un bo goberno; levou esa idea á ONU, que no 2012 instaurou o 20 de marzo como Día Internacional da Felicidade, transformando o que debería sentirse como unha sensación persoal nunha finalidade sociopolítica. Non imaxino a PP, BNG e PSOE, nin a ningún alcaldable —xente circunspecta— abandeirando os seus programas políticos cun «Sexamos felices». Tomaríanos por cretinos.
Ata hai clasificacións de países. Os primeiros postos ocúpanos os Estados occidentais máis igualitarios e ricos: Finlandia, Dinamarca, Islandia, Suecia. España transita, segundo o ano, entre os postos vixésimo sétimo e cuadraxésimo; e Galicia, con respecto ao Estado, vai derradeira. Non podemos ir a peor, e será por termos sentido da realidade. A cuestión é que para este 2026 hai unha explicación máis sobre o que se considera felicidade, seguramente entendéndoa como Simone Weil: atender e axudar os demais. Dísenos que a felicidade ten que ver coa asistencia social dos Estados e que os gobernos deben servir para creala mediante o respecto aos dereitos humanos, mantendo a paz e producindo condicións de benestar para a cidadanía, coa prestación de servizos públicos de axuda e asistencia. Iso aclara un pouco. Vén dicindo que ser feliz non é un mantra universal, senón ter a sorte de nacer nun país no que estea plenamente desenvolvido o Estado Social de Dereito: aseguradas a educación e cultura que precise cada un, a asistencia médica universal, as axudas para sacar adiante o proxecto de vida desexado, as prestacións sociais suficientes para discapacidades durante toda a vida, a vivenda e, en fin, onde se mancomunen os medios necesarios para unha vida plena e que todos se sintan sempre coidados. Algo así como onde todos sexan bos con todos.
Será iso a felicidade, sen dúbida, non vou dicir que non. Pero permítanme que desta volta non celebre tal día. Non quero festexalo para non levar despois unha valente morrada, porque os tempos que corren son de gastar en bombas e armas de todas as pelaxes e iso quere dicir, porque os cartos son limitados, que non se pode investir niso de ser bos uns cos outros, que é o que podería facernos felices. E cada vez son máis os que andan cismando que iso de ser bos todos con todos é para que os tomen por parvos e prefiren, para ese caso, que os collan cunha metralladora na man.