Therians

XULIO XIZ TRIBUNA

OPINIÓN

Tomas Cuesta | REUTERS

02 mar 2026 . Actualizado a las 22:45 h.

En terras relacionadas coa miña nenez, circulaba mediado o pasado século unha historia de amores nefandos, dos que se contaba que naceran pequenos monstros mestura de humano e cánidos, que a familia se ocupara de facer desaparecer. Non se sinalaban persoas pero contábase como certo, quizais como aviso para evitar comportamentos bestiais. De pouco valía que os entendidos dixeran que na natureza era imposible que se deran eses desaxustes, e a historia escoiteina varias veces, antes e despois de entendela.

O achegamento dos humanos aos cans produciuse pola súa utilidade para a defensa, vixilancia, compañía… pero foi a pandemia de 2020 o que provocou o especial achegamento dos tempos actuais nos que os humanos precisamos máis acompañamento dos cánidos caseiros ca eles a nosa protección, co natural incremento da dependencia humana, que compensa aos animais con vestimenta, alimentación especial...

Podería pensarse que os therians aparecen por envexa dos coidados que os animais reciben ao ser considerados membros da familia, adoptando posturas e disfraces que lles dan aparencia do animal que quixeran ser. Pero o problema debe ser máis profundo, tanto nos afectados como nos que contemplan este fenómeno que non será nefando, pero resulta moi raro.

Será imposible que os xenes de seres de distinto orde do reino animal xermolen para conformar unha entidade franquensteniana, pero vese que mentalmente as persoas poden camiñar por vieiros incógnitos que conducen a paraísos perdidos que ata agora coñeciamos polo nome vulgar de «tolemia».