Chegamos ás portas dos premios Goya 2026, cos flocos de millo preparados e copas para brindar, as quinielas feitas e as gorxas aclaradas para opinar, celebrar e criticar. Desde a alfombra vermella ata o último segundo de gala, e incluso nos días seguintes, millóns de persoas analizarán cada estilismo, cada discurso, cada comentario e cada premio. E non hai por que estar de acordo. É infinitamente máis valioso que non esteamos de acordo. O verdadeiramente importante é só iso, que millóns de persoas dedicarán un precioso tempo das súas vidas en conectar co cine e cos seus profesionais. Se cadra abrirán o apetito de ver as producións que aínda non visionaron (e se hai sorte nunha sala das de verdade), se cadra lembrarán o que lles fixo sentir e pensar cada unha das que si que viron, se cadra celebrarán que segue habendo cine. Estando como estamos neste mundo, ás veces fai falta celebrar as artes mentres as sigamos mantendo.
Os premios revelan e sacan á luz un orgullo de sector, e tamén un orgullo de país, porque o cine é arte, cultura e industria e fala moito da saúde da sociedade que o crea e da que o consume, porque é unha sociedade que pensa e que sente, que ten valores e ideas. As que sexan. E porque hai valor e liberdade para expoñelas. E que non nos falten.
Pero se miramos un pouco máis alá, os premios tamén esconden as inquedanzas dos profesionais e do público, as frustracións e as subxectividades, porque conseguir rodar unha película, un documental ou unha curtametraxe é un grande esforzo, e ás veces ese pequeno milagre queda relegado ao esquecemento. O brillo deste día eclipsa ás veces o traballo constante e silencioso dos que quedaron ás portas. Os premios poden levantar ou baixar o polgar coma no circo romano. Din que o premio xa é estar. Eu opino que o verdadeiro premio é ser. E facer. Como di Ignatius Farray, «no importa qué haces, sino que haces».
Como parte do audiovisual galego, os Goya tamén esconden unha lección para nós. Seguimos reclamando e defendendo o noso sitio na industria, chegando a onde merecemos, dende o noso recuncho do noroeste, exportando talento e mestría. Galicia estará presente nos Goya pola parte que nos toca das producións e dos equipos: Sirât, Romería, Rondallas, Estrany Riu, Ciudad Sin Sueño, Leo y Lou, Decorado, Oliver Laxe, Miryam Gallego, Tamar Novas, Mario Casas, Chelo Loureiro, Alberto Vázquez… E Luis Tosar poñendo o acento da fin da terra na condución da gala. Hoxe lembramos que dende a periferia podemos chegar ao cerne da industria e que o talento non entende de documentos.
Chegamos ás portas dos Goya. Oxalá moitas risas, moitas emocións e moitas alegrías.