Barcelona, capital mundial da arquitectura

Xerardo Estévez
Xerardo estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Denís E. F.

09 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos exercicios máis gratos é pasear polas cidades ao modo do flâneur de Walter Benjamin. E Barcelona é unha das urbes máis propicias para facelo, pasando da luz espléndida do Mediterráneo a través do casco antigo e a trama do Ensanche ata chegar ao pé do Tibidabo. Pola súa singularidade, foi elixida pola Unesco e a Unión Internacional de Arquitectos como Capital Mundial da Arquitectura en 2026. Gaudí é o epítome, coa difícil comprensión da continuidade das obras eternas da Sagrada Familia.

A arquitectura do Eixample de Cerdà é un regalo para todos, con ese repertorio inigualable de fachadas decoradas ou sobrias, coas súas tribunas e vidreiras, molduras pétreas ou de formigón, esgrafiados e alicatados. É certo que para vivir con elegancia e confort a burguesía do XIX especulou como nunca e as operacións de ensanche expulsaron moitos moradores.

Hoxe desfrutamos dese regalo arquitectónico ao camiñar polo centro de certas rúas, máis rehabilitadas ca humanizadas, mirando o ceo recortado polas cornixas, asomándonos aos profundos portais e aos interiores dos cuarteiróns, charlando cos residentes. Os inmobles incrustados nos anos 1960 e 70 foron, en xeral, desafortunados, pero isto queda compensado pola potencia da trama urbanística e a luz propia dos bos edificios de equipamentos, lugares para vivir e para convivir e espazos abertos de estancia e sociabilidade.

É evidente que este ano da arquitectura atraerá aínda máis xente; o control do espazo público vai ser máis difícil e o prezo da vivenda en alugueiro tamén, a pesar das medidas das administracións, porque os propietarios grandes e medianos buscarán artimañas para eludir a cascada normativa. Amais, penso que a demanda real de vivenda pode estar inflada. É unha carreira de fondo. A resolverá unha crise?

Tamén se agudizará, sen dúbida, o problema da mobilidade. A peonalización de rúas e superillas do Ensanche fai aumentar a densidade do tráfico nas vías lindeiras. Cómpre recoñecer que é difícil atopar unha razón compartida que limite as entradas e saídas masivas a diario, porque isto implica forzosamente un compromiso individual e a aplicación das últimas tecnoloxías para facilitar un transporte colectivo eficiente que ofreza vantaxes claras sobre o vehículo individual. Hai cidades, como Vigo, que están a ensaiar fórmulas eficaces.

O procés, aparte de dividir a sociedade e as familias, foi unha perda de tempo que se notou no nivel da oferta cultural. Despois veu a pandemia. Nós pasamos, a arquitectura permanece.