Cando se produce un accidente das dimensións persoais e estruturais coma o de Adamuz non hai galego que non tivera o corazón encollido pola lembranza de Angrois. Impactados pola traxedia en Andalucía e pola coincidencia da decisión da Audiencia Provincial da Coruña, que exime ao ex director de seguridade na circulación de ADIF de toda responsabilidade, o sentimento de indignación e impotencia medra, pois libera de responsabilidades técnicas e políticas aos verdadeiros responsables e culpa só o maquinista. Esta sentenza é unha mazada para as vítimas do Alvia e para a sociedade en xeral, deixando entrever que segue a haber demasiadas complicidades, silencios e irresponsabilidades por ocultar a verdade. É unha falta de respecto ás vítimas. Vergoñento.
Puido máis a presión política que a realidade. Despois dun xuízo longuísimo, dos anos de agarda das vítimas e das máis que suficientes evidencias aportadas pola Axencia Ferroviaria Europea, no final tiveron máis peso as posturas os desplantes dos ministros José Blanco, Ana Pastor, Ábalos e mais do expresidente Feijoo. Puido máis ocultar os erros que a seguridade ferroviaria. Puido máis o pacto de silencio que o PP e o PSOE sempre tiveron en Angrois.
No 2016 denunciei este caso á Comisión Europea, que abriu un procedemento de infracción contra o Estado español ao detectaren deficiencias en como se levou a cabo a investigación do accidente por un organismo —a CIAF— que se demostrou que non era independente, alén da falla de amparo e de transparencia coas vítimas e a opacidade gobernamental. Este procedemento de infracción, aberto pola Comisión Europea no 2018, e pechado no 2024 despois de moitos retrasos e impedimentos por varios gobernos, obrigaba ao Estado a aprobar un plan de acción de seguridade ferroviaria para corrixir os erros derivados de non cumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria —como a ausencia dun sistema de freado na curva de Angrois, entre outros—.
Como eurodeputada do BNG dirixinme esta semana de novo á Comisión Europea para que verifique se as normas supostamente postas en marcha despois do accidente de Angrois estaban implementadas no momento do tráxico accidente de Adamuz. Fíxeno por responsabilidade, por empatía, por indignación.