Truáns e señores

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

As denuncias que dúas extraballadoras súas presentaron contra Julio Iglesias por agredilas sexualmente foi noticia de primeira plana na prensa (acaba de arquivarse) e abriu os informativos do mundo por ser el quen é, non pola gravidade duns feitos que de tanto repetirse a ninguén sorprenden. Con datos de 2024, o Ministerio do Interior informou recentemente de que en España se interpoñen diariamente 14 acusacións de violación, unha cada hora e 47 minutos. 

O 27 de xaneiro de 1993 apareceron, con evidentes mostras de violación e tortura, os corpos sen vida de tres adolescentes de catorce e quince anos veciñas do concello valenciano de Alcácer. Eu facía en Radio Voz un magazín no que participaban Xosé Luís Barreiro e Carlos Casares, e aquel día, horrorizados, non tratamos outro tema. Ao remate, recibín a chamada telefónica dunha muller que nos escoitara con outras tres mentres viaxaban no mesmo coche, e informoume de que as súas idades ían dos vinte aos trinta e cinco anos e que as catro sufriran un intento de violación, unha delas dúas veces. Ningunha acudira ás autoridades. Hoxe existen máis e mellores medios para que as vítimas de acoso e agresión sexual poidan denunciar os autores, pero a macroenquisa realizada no 2019 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero revelou que só o 11,1 % dos casos chegan á policía ou ao xulgado. Quizais porque oito de cada dez son arquivados sen xuízo e só un acaba en condena.

Non hai un único perfil do agresor sexual. Son machistas sen conciencia e están en todos os estratos sociais, en todas as esferas profesionais, en todas as crenzas relixiosas e en todos os partidos políticos. A superioridade moral atribuída á esquerda vale tan pouco como a pretendida superioridade intelectual da dereita. Karl Marx non agrediu a muller que servía no seu fogar, pero exerceu autoridade sobre ela e fíxolle un fillo que non recoñeceu. Neruda contou nas memorias que violou a unha criada da etnia tamil cando foi cónsul en Ceilán. O progresista Kirk Douglas, que protexera a Dalton Trumbo —guionista de Espartaco— durante a caza de bruxas en Hollywood, forzou a Natalie Wood cando tiña 16 anos.

Entre as moitas frivolidades que Núñez Feijoo ven largando des que chegou a Madrid está a recente acusación ao PSOE de ser un partido perigoso para as mulleres. É cinismo. Todos os partidos teñen casos de dirixentes encausados por acoso sexual e todos están emporcados con intentos de ocultalos. Unha frase terrible navega por internet: «Hay más lerdas que violadores». É unha mentira vil, unha aldraxe noxenta contra as mulleres, que desaparecería se os partidos cumprisen os propios estatutos.

Por certo, Julio Iglesias foi compañeiro de Cristina Almeida na Facultade de Dereito e, cando ela lle dicía «Julito, te voy a violar», poñíase vermello como unha papoula.