Os Reis trouxeron brinquedos, entre eles, quebracabezas. Os máis complicados son os dos mapas, os das fronteiras. Nos primeiros momentos da guerra de Ucraína, o debate xiraba arredor dunha pregunta: sería máis humano que Volodímir Zelenski se rendese para evitar un masacre? Ou sería máis nobre e perigoso, resistir fronte a Vladimir? Era unha pregunta difícil porque non había respostas limpas, senón consecuencias. Se cede..., que se lle antollará a Putin despois?
Anos despois, esa sensación de dúbida folga de fondo con Donald Trump poñendo no centro do taboleiro outra peza xeopolítica de enorme alcance: Groenlandia. O presidente dos Estados Unidos fala dela coma quen mira un terreo libre, estratéxico e apetecible, insistindo en que calquera opción é inaceptable, salvo a de tela baixo control estadounidense. É isto só unha ocorrencia máis ou o primeiro paso para facer os Estados Unidos cada vez máis extensos? Daquela... cal será o seguinte territorio? Onde se pon o límite cando o poder se sente impune?
Mentres, segue a flotar no aire ese desexo seu dun Nobel da Paz. Resulta difícil imaxinar a paz cando se fala de expansión, presión, imposición. Como conciliar o premio con ameazas? Tamén en Venezuela, e noutros escenarios, a forza parece ser a lingua común. Quizais o problema sexa ese: chamar paz ao que só é equilibrio de intereses, confundir silencio con xustiza. Esquecemos que a verdadeira paz non se mide en territorios gañados, senón en vidas respectadas.