Trump e as navallas de Taramundi

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

Kevin Lamarque | REUTERS

15 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Venezuela non é un país calquera. Souben del cando Fina, a da casa do Ferreiro, emigrou. Tamén souben de Brasil polo meu tío Ángel, e do Perú por Manolo Berea. Así viviamos a xeografía aos inicios dos sesenta. Venezuela vivía agora baixo a ditadura confiscadora de Maduro. Ten recursos naturais —sobre todo mineiros— de importancia, e unha poboación que, por canto a ditadura e as malas condicións de vida polos bloqueos e mala xestión da súa riqueza, emigrou cara a outros países de América do Sur, mais tamén a Europa. E, nestas, o señor Trump decide intervir. Non porque lle moleste a ditadura, quizás tampouco polo petróleo e as terras raras, senón porque en Venezuela, ademais de operar sen dólares co seu petróleo, estaba o armamento ruso, chinés e iraniano. E, visto o que pasou —intelixencias á parte—, con máis vontade que acerto.

O asalto e secuestro de Maduro —cun final gattopardino que remocica á vicepresidenta Delcy Rodríguez e nega con sorpresa a Corina Machado— reivindicaba a importancia e necesidades da industria de armamento dos Estados Unidos, a propia e mais a dos seus fondos de investimento nuns países europeos (tamén en España). A única industria que EE.UU. non deslocalizou—como fixera coas industrias tecnolóxicas, tal que Apple—, e sobre a que Trump quere dar sustento á América MAGA, un termo industrial. Unha política de armamento para os países da OTAN que amplíe o mercado para a industria americana, mais tamén para a europea participada polos fondos de investimento americanos, o que non lles impide soster unha confrontación con Europa, entre os criterios cristiáns da sociedade americana (evanxélica, tamén algúns católicos) e os da europea (secularizada).

Venezuela, para Trump e o movemento MAGA co que goberna, era un obxectivo fácil, e así foi. Fixo ver a capacidade operativa de Trump e os EE.UU., sen actores interpostos como na Ucraína ou en Gaza, e mesmo en todo Oriente Próximo até Irán. Mandáballe recado ao seu territorio (Cuba, México, Colombia...) e facía crible a máis grande ameaza sobre Europa: Groenlandia, ou mesmo sobre África. Pero sobre todo introduciu outro factor visible de inestabilidade no mundo, facendo certa calquera ameaza de Trump que se lle puidese ocorrer, coa «limitación da súa propia mente ou da súa moralidade», tal e como se reivindica na súas accións de mando.

Indo ao caso de Taramundi, éxito e berce no turismo rural á parte, é coma se a un seu alcalde se lle puidese ocorrer mover os marcos do concello cara á Pontenova ou a San Tirso de Abres, e aproveitase esa expansión para vender as navallas de Taramundi. Un instrumento de defensa logo para os da Fonsagrada, Vegadeo e Oscos, chegando a Castroverde. E, sabendo diso, os de Abadín, Cospeito, Xermade e A Pastoriza ou Rábade deron tamén en mercalas, por levar sempre no peto navalla, móbil e carteira. Para gusto dos feirantes en Meira, Parga ou Mondoñedo. Unha maneira de ver dalgúns lugueses os negocios de Trump en Venezuela. China e o Ártico víanse aínda anubrados, pero estaban.