A «gran» audiencia dos programas de televisión

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

03 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un móvese polas redes sociais e ve como as distintas canles de televisión, dende a española á nosa TVG, e as privadas, por suposto, presumindo das súas audiencias, de que son líderes na súa franxa horaria, de que foron as máis escollidas nun determinado momento do día. Ao igual que os partidos políticos o día das eleccións, todos gañaron. O que se nos quere transmitir con esta clase de informacións é que, xa que a meirande parte da xente nos escolleu, iso quere dicir que a nosa programación é boa. E non ten por que ser así. De feito, hai xa ben de anos que iso non é así.

Este fenómeno (a ecuación que di: se tanta xente me atende, iso significa calidade) é propio desta época na que ata nas editoriais se lles contratan libros a certos perfís de Instagram só porque teñen moitos seguidores.

Dende que naceron as televisións privadas, a televisión, a pública e a privada, enzompouse de lama, detritus varios e moito chabacanismo barato. Pero alguén me dirá: «Pero teñen moita audiencia». Esa foi a resposta que hai moitos anos me deu unha alta directiva da TVG cando me pediu opinión sobre certo programa de humor estrela na grella galega ao ver que eu me queixaba de que era vulgar, que apostaba por unha visión de Galicia terceiromundista, paleta e de roupa remendada. O argumento da «audiencia» pretendeu calar as miñas queixas. O programa era —aínda é— líder na súa franxa e, polo tanto, non se tocaba.

Programas de hai décadas como La Clave, na que xente realmente experta nun tema sentaba a falar con calma, razoando, sobre un asunto, hoxe son absolutamente imposibles de maxinar. Se eu lle vou a calquera programador de televisión e lle digo que quero facer un programa calmo, onde se fale, se discuta con cabeza e se lle dea á xente algo máis que impacto, escándalo, lío e repaso de baixos fondos de entreperna, poden pasar dúas cousas: que escache de risa na miña cara ou que lle estoupe a cabeza. E quen di iso di, por exemplo, programas musicais. Hoxe é imposible ver un grupo tocando na televisión. E fomos moitos nos que nos educamos musicalmente diante da televisión que antes se facía.

Que un programa teña moita audiencia, a día de hoxe, case se pode dicir que é un contraargumento, un motivo para sospeitar. Hai programas de moita audiencia onde se trata de ver á xente facendo parvadas mentres os gravan durante todo o día. Noutros, o argumento é saber se terminan na cama ou non. E así todo.

Boto en falla unha televisión intelixente, que comunique ben e que me axude a non ser aínda máis parvo. Pero esa televisión, seica, hoxe non a vería ninguén. Programas como o que facía no seu día Fernanda Tabarés, por exemplo. Algo así.